Aspas renova co seu Celta e vai camiño de ser lenda no fútbol galego e estatal
A renovación de Iago Aspas un ano máis no Celta, polo que continuará até 2026, foi na Galiza a noticia deportiva do día de Nadal. Desde o club, nunha data tan sinalada, anunciárono dunha maneira especial a través das súas redes sociais, unha celebración “virtual” que continuou tamén esta quinta feira cunhas enigmáticas fotografías relacionadas co "Rei das bateas" e un trono nunha delas no medio da ría de Vigo.
Procedente dunha familia na que había varios futbolistas entre os seus membros, como foron o seu tío Cristóbal Juncal ou o seu irmán Jonathan, Aspas cumpriu sendo moi novo o seu soño de xogar co primeiro equipo celeste tras pasar, desde os 8 anos, polas categorías inferiores.
Tras o seu debut en 2008 como profesional no estadio Helmántico de Salamanca e até converterse na figura máis emblemática do Celta, o de Moaña sumou 574 partidos, 220 goles e 82 asistencias. Esta tempada mesmo, aos seus 37 anos, xa leva 14 tantos no seu cómputo individual.
Segue a marcar a diferenza como dianteiro cando está no terreo de xogo sendo o xogador do Estado español que máis goles conseguiu este ano, superando deportistas como Ayoze Pérez, Gorka Guruzeta, Hugo Duro e Lamine Yamal. En termos xerais, só Lewandowski, Vinicius, Sorloth e Budimir viron portaría en máis ocasións que o dianteiro celeste.
Recoñecementos
O moañés, ademais, colleitou durante a súa traxectoria numerosos trofeos individuais. Foi catro veces gañador do Zarra –como máximo goleador estatal– en Segunda División na tempada 2011-12 (23 goles) e catro veces en Primeira, nas campañas 2016-17 (19 goles), 2017-18 (22 goles), 2018-19 (20 goles) e 2021-22 (17 goles; ex aequo). Tamén recibiu, entre outros, o premio que outorga a Liga de Fútbol Profesional (LFP) ao mellor dianteiro de Segunda na 2011–12 –a do ascenso– e o Manuel de Castro como mellor xogador do Celta ese mesmo ano –galardón que recolleu até en oito ocasións—.
Coa Irmandiña
Alén da súa participación coa selección española, Aspas tamén forma parte da historia da Irmandiña. Debutou coa selección galega ante Venezuela nun encontro disputado en Riazor o 20 de maio de 2016, marcando o tanto galego deste partido que rematou en empate (1–1).
Oito anos despois foi convocado para o Galiza-Panamá en Balaídos, mais non xogou por molestias durante o quecemento nun choque que finalizou con derrota (0–2).


