O Celta aumenta 43% a solicitude de altas con respecto ao ano pasado

A idea da directiva celeste é que as bancadas do Estadio de Balaídos teñan o mellor aspecto posíbel na tempada previa ao centenario.. (Foto: RC Celta).
Ilusión sen fichaxes na afección celeste.

Xornada de moitas novidades no seo do único equipo galego na Primeira División. Porén, a máis importante é o incremento anunciado polo club de 43% no número de solicitudes de alta con respecto á pasada tempada.

O Real Club Celta de Vigo foi fundado en 1923, non obstante, a directiva presidida por Carlos Mouriño decidiu que a tempada  na que se levarán a cabo os fastos propios do centenario será a próxima, a 2023/24.

Ese factor, xunto a unha aparente ausencia de fichaxes ilusionantes nun equipo que precisa de reforzos en moitas das súas liñas -até o de agora só fechou a incorporación de Williot Swedberg, prometedor pero impredecíbel centrocampista sueco de 18 anos- podería desmobilizar a unha afección que na 21/22 xa foi a tercera que en menor número acudiu ao seu estadio -só por diante do Xetafe e o Raio Vallecano-, pero non foi así.

Esta sexta feira o Celta anunciou que, nos oito primeiros días  da actual campaña de abonados -denominada "Fagamos historia"- recibiu máis de 2.000 solicitudes de alta, o que supón un incremento de 43% con respecto á pasada tempada, unhas cifras que agarda que sigan mellorando nas vindeiras semanas.

Adeus a Okay Yokuslu e ao 'Touro' Fernández

En ausencia de máis incorporación, polo de agora a dirección deportiva que encabeza Luís de Campos está centrada no capítulo de baixas. O clásico "deixen saír antes de entrar". 

Dúas das máis cantadas foron as confirmadas oficialmente nesta sexta feira: a do turco Okay Yokuslu e o uruguaio Gabriel 'Touro' Fernández. O primeiro desvinculouse da escuadra olívica "de mutuo acordo" apenas dous días despois de que o Xetafe, conxunto no que o turco militaba desde o pasado mes de xaneiro cunha cesión con opción a compra, anunciara a súa renuncia a adquirir os dereitos de Okay polo prezo pactado, tres millóns de euros.

Con respecto ao Touro Fernández, o dianteiro charrúa continuará o seu periplo de cesións que iniciou no Zaragoza en 2020 no mesmo equipo no que estivo a préstamo a pasada campaña, o FC Juárez mexicano.  

Ángel Baena, novo reforzo do Lugo

Non moito máis movido que no caso do Celta estaba o mercado na casa da representación galega na Segunda División, o Club Deportivo Lugo... até agora.

Esta sexta feira, o conxunto albivermello oficializou a chegada coa carta de liberdade á cidade da Muralla de Ángel Baena. O estremo catalán, de tan só 21 anos de idade, pasou as últimas cinco tempadas medrando como futbolista na canteira do Real Betis Balompié, defendendo as cores do filial verdibranco. Alí, e a pesar de asinar algunhas actuacións individuais de mérito e contribuír con tres goles en 35 partidos, non puido facer nada para evitar o descenso do Betis Deportivo á Segunda RFEF. 

Con el son xa 14 os xogadores con contrato en vigor os que ten ao seu dispor o técnico Hernán Pérez, a falta de que o presidente Tino Saqués decida que acontecerá co futuro de Manu Barreiro e Canella, actualmente "en valoración".

Carlos Vicente, ao Rácing

Tamén ten un intenso traballo a secretaría técnica do Rácing de Ferrol, un dos catro equipos galegos na Primeira Federación, que anunciou a chegada do extremo Carlos Vicente.