O Celta ficha Williot Swedberg, o talento máis prometedor de Suecia

Analizamos os pros e os contras da primeira incorporación celeste.
O sueco, posando coa súa nova camiseta (Foto: RC Celta).
photo_camera O sueco, posando coa súa nova camiseta (Foto: RC Celta).

Os rumores das múltiples saídas no cadro de xogadores celestes cesaron ante a chegada da primeira incorporación do Real Club Celta de cara á campaña 2022/23.

Trátase do sueco de 18 anos Williot Swedberg, que chega á cidade olívica -segundo apuntan desde o seu país- por unha cifra que rolda os cinco millóns de euros, aínda que a escuadra presidida por Carlos Mouriño non confirmou esa cifra.

Por iso, nunca é mal momento para reivindicar unha transparencia que acontece noutros países como en Portugal, onde o Benfica -un equipo que cotiza en bolsa- declarou recentemente á Comissão do Mercado de Valores Mobiliários (CMVM) que percibirá un total de 75 millóns de euros polo traspaso da súa estrela, Darwin Nuñez, ao Liverpool.

Swedberg brilla entre espazos

Centrando o foco no aspecto puramente deportivo, o xa ex futbolista do Hammarby achegará, ademais de xuventude, polivalencia, ampliando así as opcións na parcela ofensiva do campo para o Chacho Coudet.

Habilidoso con e sen balón -brilla sacando petróleo entre espazos-, tampouco é raro que Swedberg intente probar fortuna de cara a gol desde fóra da área, chegando a anotar cinco tantos na Primeira División sueca. Con respecto aos seus puntos máis fracos pode destacarse un físico aínda fráxil e certa apatía nas tarefas defensivas.

A Federación ofrece 12 millóns aos clubs 

A Real Federación Española de Fútbol publicou unha convocatoria de anticipos de tesourería preferente -diñeiro a conta- para os clubs de Primeira RFEF, aos que ofrece un total de 12 millóns de euros, cun máximo de 400.000 euros por club. Con este diñeiro, a interese 0%, "deberán abordar, de modo preferente, o pago íntegro dos salarios de todos os xogadores da categoría".

Comentarios