O Celta busca a clasificación europea en Balaídos ante o Boloña
O Celta recibirá esta quinta feira o Boloña (21 horas) na sexta xornada da fase de liga da Europa League. Os vigueses atópanse na zona media-alta da clasificación despois de asinar tres vitorias e dúas derrotas nos cinco primeiros partidos. Precisamente, unha nova vitoria, desta vez ante os italianos, deixaría fechado o seu pase aos cruces que se disputarán en febreiro e mesmo mantería abertas as opcións de clasificarse entre os oito primeiros, evitando así a rolda eliminatoria inicial.
Para este encontro, Claudio Giráldez contará coas baixas de Pablo Durán e Carlos Domínguez. O dianteiro sufriu unha lesión no seu ombreiro durante o último partido fronte ao Real Madrid e non volverá xogar até 2026. O central, pola súa parte, notou esta cuarta feira algunhas molestias musculares e o corpo técnico preferiu darlle descanso de cara aos próximos partidos de Liga e de Copa.
Para o partido desta noite é posíbel que o adestrador do Porriño siga facendo rotacións e presente algúns cambios a respecto do partido do Santiago Bernabéu. Si podería repetir na defensa, onde Javi Rodríguez, Starfelt e Marcos Alonso apuntan a titulares de novo. Por diante, poderían ser novidades no once xogadores como Javi Rueda, Hugo Sotelo, Iago Aspas ou o goleador Williot Swedberg. Giráldez non quixo dicir se xogaría Radu ou Iván Villar na portaría. Será unha decisión que tomará esta mesma quinta feira.
Os italianos, pola súa parte, chegan nun bo momento e só cun punto menos que o Celta na clasificación. Entre os seus xogadores máis destacados atópanse Miranda –con pasado no Betis–, Ferguson, Orsolini ou o goleador Santiago Castro. Será o terceiro equipo transalpino que visite Balaídos en Europa. Antes, caeu a Juventus por 4-0 no ano 2000 na antiga UEFA e empatou o Milan sen goles na Champions League durante a tempada 2003-04.
