A cara de Messi nos billetes de 1.000 pesos? O Banco Central de Arxentina estuda a idea
A vitoria da selección de Arxentina no Mundial de Qatar deste ano desatou a loucura no país suramericano.
Segundo informacións proporcionadas pola Alcaldía da cidade de Bos Aires, até catro millóns de persoas se congregaron na praza do Obelisco da capital arxentina para celebraren a que foi a terceira vitoria dun campionato mundial para a albiceleste.
Con todo, esta euforia parece que non fica só na afección á selección de fútbol. Segundo se coñeceu esta quinta feira, o Banco Central de Arxentina está a estudar a posibilidade de que a estrela da selección arxentina, Leo Messi, estea presente na divisa do país, o peso arxentino.
Billetes de 1.000 pesos
O diario arxentino El Financiero informou que, de se aprobar a proposta, a cara de Messi estaría plasmada nos billetes de 1.000 pesos.
De acordo con este xornal, trataríase de billetes conmemorativos que se imprimirían durante un tempo limitado e serían un obxecto de coleccionista.
Non sería a primeira vez
Con todo, non sería a primeira vez que Arxentina plasma na súa divisa un acontecemento deportivo.
De feito, cando a albiceleste gañou o seu primeiro mundial en 1978, o Goberno do país sacou á luz unha moeda conmemorativa que algúns cidadáns arxentinos aínda conservan.