O Campionato Galego de Natación Universitaria será na USC

A proba comeza en Compostela a próxima quinta feira, 29 de febreiro.
O certame terá lugar nas instalacións da piscina universitaria. (Foto: Santi Alvite - USC)
photo_camera O certame terá lugar nas instalacións da piscina universitaria. (Foto: Santi Alvite - USC)

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) será a anfitrioa do Campionato Galego Universitario de Natación 2024, que se desenvolverá na piscina titularidade da institución académica.

Preto dun cento de persoas entre deportistas, persoal técnico, organización, xuíces, e cronometradoras participarán neste evento, que comezará tan cedo como esta quinta feira, 29 de febreiro, desde as 11.30 e até as 13 horas. Unha vez que conclúa a acción procederase á entrega de medallas e trofeos. 

A USC colle así a remuda da Universidade da Coruña -anfitrioa en 2023- e da de Vigo -que fixo o propio en 2022-, nunha competición que conta coa colaboración, ademais, do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta da Galiza, a Federación Galega de Natación (FGN) e o Club Natación Cidade de Santiago.

Con respecto á participación, desde a organización destácase que a maioría das deportistas son mulleres. En concreto, daranse cita un total de 44 nadadoras e 35 nadadores, e de entre todos os conxuntos participantes son maioría as contendentes que defenden as cores da USC (30), seguida da UVigo (27) e a UDC (22).

Este Galego Universitario de Natación constará de 10 probas na categoría absoluta feminina e outras tantas na masculina, ademais de dúas na modalidade de remudas mixtas, nas que poden ser da partida un máximo de catro deportistas por proba e universidade, sempre co límite máximo de dúas carreiras por persoa, ficando á marxe as de remudas.

Durante o acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; a concelleira de Deportes da capital da Galiza, Pilar Lueiro García; o deputado de Deportes da Deputación herculina, Antonio Leira Piñeiro; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión Lema; e José Rioseco Díaz, o seu homólogo no Club Natación Cidade de Santiago.

Na súa intervención, o reitor da USC puxo en valor a "alianza imprescindíbel e moi necesaria" entre deporte e Academia: "Achega moitos valores desde múltiples puntos de vista para a sociedade". 

Comentarios