Caio Barone e Adrine Kibet, os novos reforzos para o Celta
O Celta segue a reforzar os seus equipos, unha dinámica na que esta cuarta feira deu a coñecer oficialmente a fichaxe de dous novos xogadores, Caio Barone e Adrine Kibet, brasileiro e keniata, respectivamente.
O Celta fechou a fichaxe do porteiro Caio Barone, procedente do Flamengo. O gardameta de 19 anos chega libre e asina por tres tempadas. Barone incorporarase nos vindeiros días á dinámica do Celta Fortuna após disputar seis partidos esta campaña co equipo sub-20 do Flamengo. Con esta incorporación, Fredi Álvarez reforza a súa portería cun porteiro novo e con proxección, salientan desde o club celeste. Medios brasileiros afirman que con este traspaso, o “Flamengo asegúrase 30% dos dereitos económicos do xogador, mentres que o Celta quedará con 70% restante". Con esta fichaxe, Coke Carrillo terá a competencia de Barone para a tempada que comeza en agosto.
A outra fichaxe oficializada esta cuarta polo Celta é a de Aldrine Kibet, extremo ofensivo keniata de 19 anos recén feitos, que se incorpora até 2029. O xogador chega libre e terá ficha do Celta Xuvenil, aínda que o blub celeste informa que inicialmente entrará na dinámica do Celta Fortuna. Internacional con Kenia, o novo talento africano aterra en Vigo após destacar na Copa África sub-20 pola súa velocidade, habilidade co balón e olfacto goleador, segundo o Celta.
O seleccionador de Kenia que confiou en Kibet é Benni McCarthy, quen fora xogador do Celta, onde defendeu a camiseta celeste dúas tempadas.
O club celeste aposta pola súa proxección e calidade para seguir crecendo e reforzar o persoal de Fredi Álvarez.
Parte de Aidoo
Por outra parte, o Celta fixo público esta cuarta o parte médico de Joseph Aidoo. O central arrastra molestias no xemelgo dereito desde a segunda feria 15 de xullo. O ganés atópase na Cidade Deportiva Afouteza, onde segue un tratamento específico de fisioterapia para recuperarse da doenza, non adestrándose co resto de compañeiros.
Lucas Noubi, nova fichaxe do Deportivo: "Quería xogar aquí"
O belga Lucas Noubi foi presentado esta cuarta feira como novo xogador do Deportivo. "Estou moi contento de estar aquí", dixo o defensa, a primeira fichaxe para a tempada 2025-26 que presentou o Deportivo.
"O ano pasado foi difícil para min a nivel persoal porque xoguei pouco. Era un futbolista que xogaba moito, pero de súpeto parei, aínda que me veu mellor para prepararme mentalmente”, confesou Noubi, durante a súa presentación en Abegondo.
"Cando me contactou Soriano [director deportivo do Deportivo] tiven claro que este era o sitio ao que quería vir", afirmou o defensa. O central, de 25 anos de idade, presentouse a si mesmo como un xogador "rápido, agresivo e gústame ter a posesión do balón. Gústame gañar. Son un gañador".
Pola súa parte, Fernando Soriano manifestou que "desde que decidiu vir á Coruña, Noubi mostrou a súa implicación por aprender castelán, ver partidos, coñecer o club. Sorprenderon moitas cousas antes da sinatura e despois". O director deportivo apuntou que o belga, malia ser destro, pode xogar "como lateral esquerdo e dereito".
