O 'EuroCelta' tropeza no primeiro test do verán ante o Famalicão
Primeiro partido... e primeiro tropezo na pretempada para o 'EuroCelta' de Claudio Giráldez, que esta terza recibiu nas instalacións de Afouteza en Mos (comarca de Vigo) o FC Famalicão da Primeira Liga lusa. Un equipo que se mostrou máis sólido e menos errático sobre o verde fronte a un Celta con moita marxe de mellora pero, tamén, con moito tempo por diante para suplir as súas carencias e terminar de acoplar as últimas fichaxes.
Esta terza feira, de feito, saíron de partida o novo inquilino da portaría celeste, Ionut Radu, e mais o ariete catalán Ferran Jutglà en punta, acompañado de Iago Aspas e Hugo Álvarez nos costados. A liña defensiva conformárona os tres homes que máis en forma remataron a pasada campaña nesa demarcación: Javi Rodríguez, Yoel Lago e Marcos Alonso, mentres os carrís foron para Sergio Carreira e un Jones El-Abdellaoui que –aínda que nun amigábel– se estreou co primeiro equipo, e no centro do campo levaron o temón Damián Rodríguez e o canteirán Miguel Román, chamado a formar parte este ano do primeiro equipo.
Simon Elisor anotou o primeiro antes do descanso, tras o que Giráldez axitou por completo o banco, e aos dous minutos do segundo tempo De Haas facía o segundo e definitivo gol.