Burela e Poio, ao asalto do liderado na Primeira División

Cidade das Burgas e Envialia xogan un derbi galego.
O Pescados Rubén é o líder .(Foto: Burela).
photo_camera O Pescados Rubén será líder se gaña ao Melilla.(Foto: Burela).

Xornada fundamental para os intereses dos equipos galegos na máxima categoría do fútbol sala feminino. O Burela Pescados Rubén chega na terceira praza con seis partidos disputados a este último encontro da primeira volta, e dado o descanso do Alcorcón -segundo- accederá ao primeiro posto e conseguirá o título oficioso de campión de inverno se alcanza superar na súa casa o actual líder, Torreblanca Melilla.

As Guerreiras Laranxas poranse a proba mañá sobre a pista do Pavillón Javier Imbroda ás 19 horas da tarde ante a gran revelación da tempada, nun encontro que se poderá seguir a través da canle de streaming do conxunto galego, burelafs.tv.

As pupilas de Julio Delgado e Lucas son conscientes da magnitude do reto que representa un rival que "vén de facer grandes encontros e que está a realizar un gran traballo. Será moi complicado; iso din os números", tal e como advertía Camila Gadeia Silva 'Cami'.

A veterana xogadora de São Paulo destacou que o Torreblanca Melilla é "un cadro repleto de xogadoras brasileiras, cun míster tamén brasileiro, e unha estratexia de xogo moi libre. Polo tanto, sabemos que será duro", apostilaba a '8' do conxunto laranxa.

Non obstante, o Pescados Rubén Burela chega nun bo momento, logo do festival de goles ante o Xaloc (9-1), un choque que para Cami "representa que estamos preparadas, xogando ben, e en plena evolución e crecemento. Queremos seguir así hoxe para poder centrarnos na Copa da Raíña a partir da vindeira semana", confesou a feche. 

O Poio tamén mira arriba

Nunha xornada na que o Viaxes Amarelle descansa, os outros conxuntos galegos en liza son o Poio Pescamar, Ourense Envialia e Cidade das Burgas, que protagonizan un derbi de rivalidade local. O choque, programado para ás 17 horas de hoxe no Paco Paz, chega co Envialia como máximo favorito, pois o Cidade das Burgas aínda non sabe o que é a vitoria e ocupa a posición de fechacancelas con tan só un punto na táboa.

Pola súa banda, o Poio Pescamar afronta un duelo ante un rival directo na zona nobre da clasificación, AE Penya Esplugues. As do Llobregat son cuartas e as galegas terceiras, e de conseguir a vitoria asexarían aínda máis o primeiro posto do Futsi Atlético.

Comentarios