O Burela pode situarse a tiro do liderado da Primeira División

As terceiras clasificadas, buscan recortar distancias cos líderes
O Pescados Rubén vai a por todas (Foto: Burela FSF)
photo_camera O Pescados Rubén vai a por todas (Foto: Burela FSF)

A fin de semana depara unha intensa xornada para as representantes galegas na Primeira División de Fútbol Sala: Viaxes Amarelle, Cidade das Burgas, Ourense Envialia e Burela Pescados Rubén, coa única excepción de Poio Pescamar, que descansa.

O conxunto máis beneficiado da mesma podería ser, caso de conseguir a vitoria na pista do Majadahonda mañá ás 18.30 horas, o Burela Pescados Rubén. As de Julio Delgado e Lucas non só defenderán a terceira posición logo do claro triunfo da pasada semana ante o Zaragoza (8-3), senón que o choque entre Alcorcón e Universidade de Alicante, primeiro e segundo clasificado, respectivamente, pode favorece as súas aspiracións de achegarse o liderado.

“Estamos a traballar duro, como todas as semanas, esta foi bastante intensa e para lograr o noso obxectivo de sumar de tres en tres teremos que estar moi concentradas para non ceder balóns que o Majadahonda poida aproveitar para facernos dano, pois son xogadoras moi aguerridas, que traballan moito en defensa, presionan ben e sabemos que nas contras son moi difíciles de parar, con xogadoras experimentadas, como Pitu ou Chili, e unha adestradora que traballa moi ben os bloques” advirte Peque.

O Viaxes Amarelle, contra un rival directo

A escuadra herculina afronta un duelo contra un rival directo: o Gran Canaria FSF Teldeportivo. O partido, que terá lugar mañá no Pavillón da Sagrada Familia da Coruña a partir das 19 horas, enfrontará dous equipos recentemente ascendidos e que a lóxica apunta que terán salvar a categoría como máxima aspiración.

As de Jorge Basanta buscarán lograr un resultado satisfactorio a pesar das numerosas baixas por problemas físicos, mais si que poderán contar co apoio de 30 persoas nas bancadas, número máximo de público autorizado pola Xunta da Galiza.

Pola súa banda, o Ourense Envialia volve á competición coa boa nova do regreso de Judith, xusto a tempo para enfrontarse co potente Leganés Masdeporte.

O outro equipo ourensán, o Cidade das Burgas, recibe o Futsi Atlético Féminas, de Navalcarnero (Madrid) no Paco Paz, líder da categoría, polo que parece complicado que consigan a súa primeira vitoria na Liga. 

Comentarios