Borja Fernández, adestrador da UD Ourense: "O fútbol é de todos, oxalá non se pensase tanto no diñeiro"
ou Valladolid.
—Leva xa un ano e medio á fronte da UD Ourense. Que significa para vostede adestrar o equipo da súa cidade?
Na parte persoal e sentimental é algo moi especial, porque a miña familia paterna vive no Couto (Ourense). Cando eu era un neno ás veces iamos ver os partidos. Así que hai unha parte sentimental moi importante. Non veño ao campo só para tentar facelo ben como adestrador, senón que teño moitos recordos da miña infancia neste lugar, polo que significa moito para min. Tamén é imprescindíbel recordar que despois de non continuar como adestrador no Valladolid [nas categorías inferiores], foi a UD Ourense quen me deu a oportunidade de adestrar de novo.
—O equipo comezou a tempada sen coñecer a vitoria en seis xornadas; agora suman 16 puntos e 7 partidos sen perder. Que mudou para encadear esta boa xeira de resultados?
Mudaron poucas cousas. Tanto o club como os xogadores e o corpo técnico estabamos convencidos de que o estabamos a facer ben, incluso merecendo gañar, non só empatar. Penso que esa paciencia que tivemos foi clave para non pórnos nerviosos e facer o que ao mellor non tocaba. Se non saen as cousas mais estás convencido de que o estás a facer ben, non tes que cambiar.
—O ascenso da tempada pasada foi o sexto que logra o equipo desde a súa fundación en 2014. Como inflúe o apoio da afección?
Estamos en Segunda Federación, unha categoría cunha competitividade máis baixa que a de categorías superiores, mais cunha afección como a que temos nós xa tes moito gañado. Os equipos contrincantes adoitan quedar asombrados coa enerxía da nosa xente, o cal é fantástico. Ademais, significa un apoio para os rapaces e para nós porque, aínda que non empurran o balón cara á portaría, eles empúrrannos a nós.
—E cal é o ambiente que se respira no vestiario do Ourense?
É bastante bo porque os rapaces se apoian e respéctanse moito. O feito de que se axuden tanto entre eles fai que o ambiente poida estar cargado de confianza, bo rollo e incluso ás veces de bromas. Que o rapaz que xoga saiba que ten detrás o apoio dos compañeiros que non están a xogar nese momento é moi importante.
—Pódese mirar cara aos postos do play-off ou o obxectivo debe ser centrarse en asentar o equipo na Segunda Federación?
Vendo o que temos, creo que o mellor é ir pasiño a pasiño. Penso que debemos asentarnos e pensar nos seguintes partidos para sumar máis puntos, que é o que nos marcamos como obxectivo. Temos que ter claro que os momentos malos poden volver e temos que estar preparados para sobrelevalos o mellor posíbel.
—Hoxe o debate entre o 'fútbol moderno' e 'popular' segue moi presente. Cre que este deporte que naceu ligado á clase obreira está a perder a súa esencia?
Non sei que é o que vai pasar no futuro, pero se os clubs seguen así ao mellor habería que cambiar algunhas cousas, porque os prezos das entradas e dos produtos dos equipos están moi altos. O máis bonito deste deporte é que xera identidade e paixón.
Agora fálase moito de pirataría, mais penso que é necesario entender que o fútbol é de todos e de todas; ás veces a xente non pode pagar canles privadas para mirar un partido. Deberíase comezar a pensar un pouco máis na xente, pois o fútbol é unha forma de divertirse, de socializar e de ter unha paixón que podes compartir con outros. Oxalá non se pensase só no diñeiro e nos beneficios para os clubs.
O fútbol popular e as novas xeracións
A Unión Deportiva Ourense é unha rara avis no fútbol europeo, un deses poucos clubs que pertencen aos seus socios e socias. No plano económico pode chegar a resultar máis complicado facer crecer o club, tal e como comenta Borja Fernández a Nós Diario, mais tamén permite unha maior liberdade de acción e un compromiso coas raíces.
O actual adestrador da UD Ourense quere seguir desfrutando deste camiño e, sobre todo, deixar unha mensaxe a todos aqueles rapaces e rapazas que queren seguir os seus pasos no fútbol profesional: “Hai que estar preparados para fracasar, mais mentres vaian con ilusión e desfruten do proceso, con esforzo pódese lograr”. Non é tarefa sinxela, mais tampouco imposíbel, para todos os nenos e as nenas que soñan ao grande e queren loitar por conseguir os seus obxectivos con diversión, respecto e paixón.

