Billarda: gran debut dos Musicais de Ribadeo

Na proba disputada en Vilaboa estaban en xogo tres prazas para participar na inminente Supercopa de nova creación.
A última xornada da Conferencia Noroeste disputouse en Culleredo. (Foto: Billardeiros Musicais de Ribadeo).
photo_camera A última xornada da Conferencia Noroeste disputouse en Culleredo. (Foto: Billardeiros Musicais de Ribadeo).

Billardeiros Musicais de Ribadeo fixo o seu debut esta tempada, e fíxoo de maneira espectacular.

O equipo da Mariña Oriental case realizou un pleno nas catro categorías que se disputaron no marco dunha nova xornada da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda, desenvolvida na pista polideportiva de Castro Laxe, ao carón do parque de Tarreo, en Vilaboa (Culleredo).

A competición, ademais de puntuar para a Liga, tiña o interese engadido de repartir as tres prazas para participar nunha Supercopa que terá lugar o vindeiro día 26 de marzo na Coruña e que será retransmitida pola Televisión da Galiza (TVG).

As probas que emitirá a Televisión Galega non corresponderán a ningunha das conferencias que conforman a Liga Nacional de Billarda, senón que serán creadas ex profeso e adaptadas a un formato televisivo que se distribuirá equitativamente entre chave e billarda.

 A primeira das mesmas será a Supercopa, que se desenvolverá de 17 a 19 horas do sábado 26 de marzo na cidade da Coruña, e máis concretamente na pista de chave e no Campo Municipal de Fútbol Víctor Fernández Alonso -antiga Leyma-, sede da Federación Galega de Deportes Autóctonos. 

No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorábeis e a choiva faga acto de presenza, o evento desprazarase até o polideportivo do Ventorrillo.

Finalmente, os xogadores que conquistaron as devanditas prazas foron Manu Pozo (Billardeiros Musicais de Ribadeo), Cotelo (APB A Laracha) e Alberte (Cochiqueiros da Billarda de Cerceda).

Comentarios