mércores 14/04/21

Belén Toimil bate o récord estatal de lanzamento de peso e logra a mínima olímpica

A galega lanza 18,64 e torna nunha das favoritas para facerse co ouro no Europeo de Pista Cuberta.
Belén Toimil podería proclamarse campioa de Europa en Polonia. (Foto: RFEA).
Belén Toimil podería proclamarse campioa de Europa en Polonia. (Foto: RFEA).

Soberbia, sensacional, magnífica. Non hai cualificativos abondo para describir a actuación de Belén Toimil no seu debut no Campionato de Europa de Pista Cuberta de Torun (Polonia). A lanzadora galega clasificouse para a final grazas a un lanzamento de 18,64 metros,  obtendo ademais a mínima olímpica e estabelecendo un novo récord de España da disciplina.

A outra representante galega en Torun, Ana Peleteiro, tratará a partir do sábado de defender o título continental que logrou en Glasgow no ano 2019, onde a ribeirense, ademais, asinaba a súa mellor marca persoal voando até os 14,73 metros, distancia que ben podería ter que alcanzar para conseguir superar á grega Papahrístou e á bielorrusa Skvartsova. Segundo o programa oficial facilitado pola organización do Campionato de Europa de Pista Cuberta, a fase de clasificación do triplo salto será mañá ás 12 horas e a final o domingo, sete de marzo, ás 17.20 horas.

Un Estatal Sub-20 con moita presenza galega

Preto de 300 deportistas do todo o Estado tomarán parte durante esta fin de semana no Campionato de España de Atletismo Sub-20 en Antequera (Andalucía), das cales 15 son de procedencia galega.

No sector da velocidade estará tomando parte o finalista do Estatal Sub-18 dos 100 metros do ano pasado, Javier Jiménez, quen acode coa sétima mellor marca dos participantes. Pola súa banda, os atletas do Celta Roi Martínez e Jorge Román Leiros -subcampión galego- competirán na proba do duplo hectómetro. Asemade, nos 400 metros lisos correrá María Fernández (Riazor-Coruña).

Xa no medio fondo haberá dupla representación feminina nos 800 metros, nos que serán da partida Irene Barreiro e Victoria González. Na proba raíña, os 1.500 metros lisos, Íker González opta a superar o quinto posto do ano pasado, mentres que nos 3.000 El Medih El Naboaui, quen parte con claras opcións de estar nos postos de honra, parece ter máis opcións de metal que Carlos López e Branca Fernández.

Nos 60 valos, Hugo Vázquez acode coa sexta mellor marca dos participantes (8,25), polo que podería dar unha positiva sorpresa, do mesmo modo que Raúl Cortizo no salto de lonxitude e Ángel Granado no lanzamento de peso.

Belén Toimil bate o récord estatal de lanzamento de peso e logra a mínima olímpica
comentarios