Iago Aspas renova co Celta
Neste día de Nadal, o RC Celta anunciou a renovación de Iago Aspas por unha tempada máis, até xuño 2026. “É un orgullo para o club e para o celtismo contar cun dos grandes emblemas do fútbol español, lenda viva do celtismo, un ano máis”, sinalou o RC Celta no enviado aos medios. “O Rei das Bateas continuará a súa lenda e legado no club da súa vida por un ano máis”, destacaba o club na rede social X.
O dianteiro de Moaña (O Morrazo) amplía así o seu contrato co club celeste e xogará en Balaídos até os 38 anos de idade. Esta extensión do contrato de Aspas co Celta era unha incógnita até onte. A decisión ademais tamén foi comunicada desde Balaídos, nun vídeo, onde Aspas, xunto á súa muller, Jennifer Rueda, e os seus tres fillos, afirma:
“Cada recuncho deste estadio e cada berro desde a bancada acompañáronme neste camiño. Aquí vivín días inesquecíbeis, momentos de alegría, de celebración, xornadas de dor das que nos levantamos xuntos. Para min, isto é moito máis que fútbol, que un club. O Celta é a miña vida, é a miña casa, son eu. Din que nada é para sempre, pero o que sinto por estas cores levareino sempre no meu corazón. Por iso pregunto: Seguimos?”. Así se prenunciou no audiovisual desde o estadio de Vigo o capitán celeste, que leva ás súas costas 574 partidos, 220 goles e 82 asistencias.Dicen que nada es para siempre... pic.twitter.com/u1ersXYNH8
— RC Celta (@RCCelta) December 25, 2024
“O noso mellor agasallo. Agora si, celtistas…Bo Nadal!”, exclamou atamén a través da súa conta na rede social X Marián Moruño, presidenta do club celeste.