Arxentina levanta o Mundial da hipocresía e a corrupción

Lio Scaloni acariña a copa após vencer Francia nos penaltis. (Foto: Robert Michael / DPA)
Após superar Francia na final desde os 11 metros.

Os chamamentos ao boicot ao "Mundial da vergoña" multiplicáronse no mundo libre días antes do comezo do torneo, hai algo máis dun mes, subindo a intensidade canto máis próxima estaba a cerimonia inaugural. Porén, e noutro claro exemplo de "fai o que eu diga e non o que eu faga", Occidente pegou a vista ás pantallas como unha mosca as patas nun doce prato de mel, como demostran uns índices de audiencia e cotas de pantalla que no Estado español superaron o 60% en determinados partidos .

A Copa do Mundo rematou, e o obxectivo de Qatar está conseguido. Lionel Messi, para non poucas persoas o mellor xogador de todos os tempos, levantaba aos ceos de Doha o trofeo ataviado cun besht, unha pintoresca prenda tradicional no país que está reservada á elite ou autoridades supremas do emirato.

Nese icónico momento, inmortalizado para sempre na historia do fútbol e da selección albiceleste, o escudo da Federación Arxentina, así como o da marca comercial que viste o combinado, permaneceu oculto, agochado, baixo as escuras cores do besht.

É moi posíbel que pasado o Mundial, as reivindicacións sobre os dereitos humanos en Qatar —un traballador chegou a morrer no hotel de concentración dun dos países participantes, Arabia Saudita, e o presidente do Comité Organizador respondeu "estamos en medio dun Mundial e isto é do que queres falar agora?"— esmorezan como a xeada cando lle dá o sol.

Neste sentido, a mellor nova sería que o descarado sportwashing levado a cabo por Qatar nesta Copa do Mundo, efectivamente, fique no esquecemento, e o de 2022 sexa recordado baixo unha óptica crítica, como acontece con certames como o da Arxentina videliana en 1978.

Messi gáñalle a batalla a Mbappé e entra no Olimpo

Con respecto ao eido estritamente deportivo, a Arxentina e Francia protagonizaron sobre o céspede do Estadio de Lusail unha -senón a mellor- das mellores finais na historia do certame.

A albiceleste impúxose desde a quenda de penaltis logo dun partido sen tregua na que chegou a estar 2-0 primeiro e 3-2 despois, pero un Mbappé en estado de graza marcou un hat-trick para manter con vida uns bleus que, pola contra, perderon desde os 11 metros, polo que Messi xa ten o seu Mundial e, por fin, pode sentar na mesa de Maradona por dereito propio.