Agridoce debut dos galegos na Liga

Aínda que en número limitado polas obras e as restricións de Feixoo, o público puido volver a Balaídos. (Foto: EP).
Nin Real Club Celta nin Club Deportivo Lugo, un ano máis os representantes galegos na Liga de Fútbol Profesional, foron quen de estrear con vitoria a tempada 2021/22, a pesar do cal tanto un como outro conxunto deixaron boas sensacións na súa derrota co Atlético e no empate ante o Oviedo (2-2), respectivamente.

"Xogamos como nunca, perdemos como sempre". Quizais o vello dito futbolístico non aplique nun equipo como o Celta, inmerso nunha dinámica gañadora desde a chegada de Eduardo Coudet en novembro de 2020, pero queda a sensación de que os vigueses mereceron máis ante o vixente campión ligueiro, o Atlético de Madrid, no primeiro partido da tempada 2021/22.

O conxunto celeste caeu derrotado en Balaídos por 1-2, un resultado que moitas das máis de 5.000 persoas presentes nas bancadas de Balaídos consideraron  "máis que inxusto". Son verbas para Nós Diario de María, unha desas espectadoras, que facía o seu regreso "ao templo" por primeira vez desde o estoupido da pandemia, concretamente desde que superasen na casa o Leganés o 22 de febreriro de 2020 cun único tanto de Iago Aspas.

O de Moaña, a día de hoxe, continúa a ser o gran líder do Celta e o protagonista do ataque olívico, transformando o provisorio tanto do empate de penalti no minuto 59 -logo de adiantarse os visitantes cun gol de Correa no 23- e tendo nas súas botas unha oportunidade a piques do final que, logo do 1-2 materializado de novo por Correa no 64, puido supor a igualada, mais errou ante Oblak unha ocasión da que se laiou despois do partido: "Non se me pode escapar". 

Non obstante, Coudet restou importancia a ese fallo, sinalando que de todos modos "o xusto, por ocasións, sería un empate". O preparador bonaerense salientou o feito de "ter o campión contra as cordas", e restou ferro á "tangana" dos minutos finais de encontro, que acabou coa expulsión de Hugo Mallo e do utillero celeste, logo da execrábel actuación dun suplente colchoneiro que tratou con desconsideración un dos recollepelotas, un rapaz con diversidade funcional membro do Celta Integra.

Volve o fillo pródigo goleador, volve Joselu

O Club Deportivo Lugo, pola súa banda, pescou un punto nunha visita a un campo moi duro, como é o do Real Oviedo. Tanto é así que no tempo de descanso os de Rubén Albés perdían por dous tantos a cero, pero na segunda parte protagonizaron unha sólida reacción que os conduciu ao empate, logo do tanto marcado por Carrillo no minuto 78 e do penalti materializado polo fillo pródigo, Joselu, que se estreaba con gol no seu retorno a Lugo catro anos despois.