Obituario

Adeus a Kelvin Kiptum, titular do récord mundial de maratón

Kelvin Kiptum gañou todos os maratóns que correu na súa breve pero extraordinaria carreira. (Foto: Europa Press).
Tariku Novales fala para 'Nós Diario' do malogrado atleta.

"Esta noticia transcende as fronteiras do noso deporte".  As palabras son do maratoniano galego Tariku Novales, falando sobre o falecemento na noite do domingo á segunda feira do plusmarquista mundial da disciplina, Kelvin Kiptum.

Porque con só 24 anos de idade o kenyata non só era o titular do récord do mundo e o máximo favorito a facerse co ouro olímpico nos Xogos de París 2024, senón tamén para conseguir rebaixar por fin a barreira psicolóxica das dúas horas.

Pero non poderá ser, pois tanto Kiptum como os seus acompañantes no vehículo -entre os que se atopaba o seu adestrador, o ruandés Gervais Hakizimana- morreron na estrada que une as localidades de Eldoret e Kaptagat, na parte occidental do seu país natal, após perder o propio Kiptum o control do automóbil e bater contra unha árbore, perecendo no acto.

A traxedia "conmocionou" o mundo do deporte, en palabras do presidente da Federación Internacional de Atletismo, Sebastian Coe, sucedéndose as mostras de dor polo pasamento "dun atleta que deixa un legado incríbel".

Tariku Novales: "Aínda estou en 'shock"

Kelvin Kiptum era o máximo expoñente dunha nova xeración de maratonianos da que tamén forma parte o galego Tariku Novales, quen en declaracións a Nós Diario manifestou estar "aínda en shock".

"Non o acabo de crer, é algo impensábel... era un tipo chamado a facer historia, e penso que ía ser el o que baixase das dúas horas, e ía facelo na seguinte competición que tiña, en Rotterdam [o 14 de abril]", sinala o de Noia, engadindo que, aínda que non o unía "ningún tipo de relación persoal" co malogrado kenyata, está "moi triste" porque Kiptum era "un referente na distancia, o mellor da actualidade e, probabelmente, o ouro olímpico en París".

"Era un home diferente a todos, peculiar, persignábase durante as carreiras 30 ou 40 veces, e nos finais apertaba o ritmo a niveis dun 5.000, o nunca visto, quedáballe moito por facer", concluíu un apesarado Tariku Novales.