Lendoiro podería retornar ao Deportivo da man dun investidor próximo ao axente Jorge Mendes

Este domingo 19 de Xaneiro (12 h), o Deportivo recebe o Las Palmas no que será o último partido de Lendoiro como presidente do clube, pondo fin a unha longuísima xeira de 25 anos, ateigada de sucesos futbolísticos -entre eles, 1 Liga e 2 Copas- e tamén de débedas astronómicas. Mais sería un erro dar por amortizado a Lendoiro. Podería voltar ao clube da man dun investidor aliado co axente Jorge Mendes.

depor
photo_camera Lendoiro, con Irureta ao fondo, durante as celebracións do título de Liga

A terza feira 21 de Xaneiro, unha Xunta Xeral de Accionistas elixirá o novo presidente do clube. Lendoiro xa non é candidato. Abandona o leme do clube após un cuarto de século ao seu frente. Todo apunta a que Tino Fernández -quen xa o derrotou na xunta decorrida o 19 de Decembro, en que por vez primeira os accionistas rexeitaron as contas do clube- se fará coa presidencia, embora para iso terá que se impor primeiro a Rodríguez Conchado -ex asesor xurídico- e a López Cascallar.

Mais sería precipitado escrebermos aquí o epitafio deportivista de Lendoiro. Segundo puido saber Sermos Galiza en fontes do entorno próximo ao aínda presidente do clube, Lendoiro non desbota voltar á presidencia da man dun grupo investidor próximo ao axente portugués Jorge Mendes, un dos magnates do fútebol internacional, representante de Cristiano Ronaldo e de non poucas celebridades das ligas profesionais de béisbol e básket norteamericanas.

O escenario do retorno

"Lendoiro non vai ficar impasíbel mentres se mangonea o Deportivo desde La Voz de Galicia", afirman esas mesmas fontes, "sobre todo se a persecución contra el continúa".

Como sería o retorno? O escenario sería o dunha eventual ampliación de capital, moi verosímil tendo en conta a situación financeira do clube, abafado polas débedas con acreedores privados -cos que xa chegou un acordo Lendoiro- e con Facenda -que non está disposto a asinar coas condicións que lle propón o aínda presidente deportivista.

A ampliación de capital é moi verosímil tendo en conta a situación financeira do clube, abafado polas débedas

Até a propia Facenda non vería con maos ollos esa ampliación de capital, sobre todo porque abriría a billa para a satisfacción da súa débeda. "Lendoiro está a mover as súas fichas. Se se ampliar o capital social do clube, el ten cartas que xogar. Un grupo próximo a Jorge Mendes, co que el mantén unha relación de amizade moi especial, podería chegar a Coruña coa condición de Lendoiro dirixir o novo proxecto", afirman as fontes consultadas por Sermos Galiza.

Máis información sobre esta cuestión, cun balanzo dos 25 anos de Lendoiro ao mando do Deportivo, no número 80 de Sermos Galiza, xa nos quiosques e na nosa loxa, nunha reportaxe da autoría de Rodri Suárez intitulada Lendoiro di adeus, ou até logo?

Comentarios