sábado 06/03/21

130 anos de tenis feminino na Galiza: de pasatempo elitista a deporte popular

A recente conquista no Cairo de Jessica Bouzas do seu primeiro título profesional puxo de novo o foco sobre o tenis feminino galego, que leva apartado dos grandes titulares de prensa desde a retirada de Lourdes Domínguez en 2016.
A galega alcanzou a terceira rolda en Roland Garros e no US Open. (Foto: Nós Diario).
A galega alcanzou a terceira rolda en Roland Garros e no US Open. (Foto: Nós Diario).

Co seu triunfo na capital exipcia, Bouzas, de tan só 18 anos, confirma as boas maneiras que viña apuntando e une o seu nome ao de Celia Cerviño como as grandes esperanzas de futuro dun deporte que as mulleres comezaron a practicar na Galiza hai 130 anos. Porén, lonxe da intensidade e da competitividade que caracteriza o tenis na actualidade, por aquel entón estaba considerado como pouco menos que un pasatempo para as mulleres da elite. 

Introducido desde o Reino Unido a comezos da década dos 90 do século XIX, na Galiza comezou a ser practicado polo persoal da Eastern Telegraph Company, compañía británica que estaba encargada de tender un cable submarino entre a localidade inglesa de Porthcurno e Vigo e que tamén trouxo consigo outro deporte de pelota que eles chamaban "football".

A pesar de que tamén xogaban os homes, o 'lawn-tennis', como era coñecido por aquel entón, tivo máis éxito entre as mulleres "polas súas bondades por disputarse ao aire libre e implicar un tipo de movementos considerados moderados e axeitados para elas", segundo destaca Domínguez Almansa no seu texto Historia social do deporte na Galiza (1850-1920).

Esa concepción machista do deporte propia da época estendeuse durante varias décadas, ao mesmo tempo que se consolidaba a súa práctica entre familias da alta burguesía e a aristocracia da Coruña e de Vigo, destacando cabeceiras como El Eco de Galicia, Blanco y Negro ou Vida Gallega os triunfos de "señoras e señoritas" de familias como as Prieto Puga, De Oya ou España.

Na segunda metade do século XX cambiou esta forma de entender o tenis, desaparecendo progresivamente as barreiras de entrada a este deporte, o que posibilitou a irrupción nos 70, 80 e 90 de xogadoras como as irmás Ninoska e Janet Souto, Paula Hermida ou Marta Alastrúe.

Lourdes Domíngez, a número un

A mellor tenista galega de todos os tempos é, indiscutibelmente, Lourdes Domínguez. Nada en Pontevedra en 1981, retirouse no ano 2016 despois dunha prolífica carreira profesional de máis de tres lustros, tempo no que gañou dous títulos individuais e seis por parellas do circuíto da WTA e 14 e 33, respectivamente, no da ITF. 

Especializada na terra batida, pero cun bo desempeño tamén sobre pista rápida, Domínguez converteuse en Bogotá, hai exactamente 15 anos, na primeira tenista do país en gañar un torneo da WTA. Pouco antes, en 2005, rachara con outra barreira clasificándose entre as 100 mellores do mundo por vez primeira para unha galega, sendo o seu mellor ránking o posto 40, que alcanzou en 2006.

Ademais, a súa figura como xogadora destacaba por un carácter combativo que a levou, por exemplo, a renunciar a xogar co combinado español a Copa Federación de 2010 pola "falta de apoio" ao tenis feminino por parte da Federación.

comentarios