Yolanda Castaño faise co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023
A obra Economía e Poesía: rimas internas, de Yolanda Castaño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023. A xuntanza do xurado realizouse esta quinta feira, día 14 de decembro de 2023, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e será publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
O xurado -composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto- destacou sobre este ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo da cultura e a necesidade de dignificar as traballadoras e traballadores da palabra en xeral, e da poesía en particular, con remuneracións acordes ao valor e á importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas estabelece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que non deixará a ninguén indiferente.