Yolanda Castaño, Chus Pato, Olga Novo, Tamara Andrés, Nieves Neira e Olalla Cociña únense en Lugo contra a violencia machista
O recital perfo-poético ‘Irmás Sonoras’, que decorre por segundo ano consecutivo, busca impulsar desde a cultura a loita da sociedade contra a violencia machista.
A Delegación do Goberno español na Galiza uniuse esta terza feira en Lugo a sete artistas galegas no recital ‘Irmás Sonoras’ para impulsar desde a cultura a loita da sociedade contra a violencia machista.
Este acto, que decorre por segundo ano consecutivo, conxugou nesta ocasión a palabra, a música e a danza. A intervención foi deseñada e dirixida pola poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023. Nel participaron as poetas e xornalistas Olalla Cociña e Nieves Neira, a escritora e tradutora Tamara Andrés, así como con Olga Novo e Chus Pato, galardoadas co Premio Nacional de Poesía no 2020 e neste 2024, respectivamente.
As escritoras foron saíndo unha a unha das celas, que aínda permanecen simbolicamente no edificio, lendo un fragmento da súa obra sobre a muller, o machismo e as trabas que teñen as vítimas na sociedade. Mentres facían esta intervención, a artista Neves Seara realizaba unha perfomance. O acto rematou coa lectura a unha mesma voz do poema “Matria”, dando sentido ao título do acto: ‘Irmás Sonoras’.
“Non é momento de calar”
A subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, aseverou esta terza feira que “é o momento” de que se fale de violencia machista, de que se denuncien todas as agresións e de que a sociedade e os poderes públicos apoien expresamente todas a vítimas da violencia machista: “Non é o momento de calar”. Así se manifestou na presentación do recital perfo-poético ‘Irmás Sonoras’, que decorreu no centro cultural do Vello Cárcere, na cidade de Lugo.
Isabel Rodríguez remarcou que “debemos ser nós, as mulleres e os homes que estamos en cargos públicos, as primeiras altofalantes destas denuncias. E máis aínda, debemos ser as primeiras e os primeiros en dar exemplo deste compromiso”. Lembrou que o Goberno estatal comparte esta prioridade, “a de facilitar canles axeitadas e seguras para a voz das mulleres vítimas de violencia ou acoso e a de proporcionar ferramentas e apoio para saír desta espiral”. Tamén insistiu na “persecución dos homes maltratadores, con ferramentas legais e policiais, e de todos aqueles que ocultan esta tremenda realidade”, subliñando a necesidade de “frear aos que promoven o silencio cómplice”.
A subdelegada puxo en valor o papel da cultura, “unha das ferramentas máis poderosas que temos para avanzar como sociedade”, para trasladar mensaxes de igualdade e para concienciar a xente sobre a lacra da violencia de xénero e os seus efectos.
Xunto á subdelegada, tamén participou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, a quen Isabel Rodríguez agradeceu a colaboración permanente do Goberno municipal na promoción das políticas de igualdade.
