Xoan Curiel: "Non é música purista, senón un xeito de abordar as cantigas moi particular"

Enmarcado na feira da Culturgal, esta fin de semana en Pontevedra, Xoan Curiel ofrecerá un concerto o sábado no que presentará o seu sétimo traballo discográfico. Baixo o título Traides Comigo!, estrearase tamén a súa versión en físico.
Xoán Curiel.

O disco recolle diversas cantigas medievais de trobadores. Por que esta escolma?

Participaba dun proxecto que se chamaba Ao encontro de Martín Codax, que aínda está en activo e que xira arredor das cantigas de Martin Codax e que comparto con Iris Gey, a cantante do disco. Entón, pouco a pouco comecei a poñerlle música a cantigas de diversos autores. Fun entrando máis na lírica medieval galego-portuguesa e facendo unha revisión destas cantigas. Realmente, o que presentamos non é música purista nin medievalista, senón unha actualización, un xeito de abordar as cantigas moi particular.No disco aparecen instrumentos medievais, como a arpa, frautas ou percusión de pel, mais tamén outros doutras épocas ou xeografías, como as guitarras acústica ou española, ou o cromorno. Coa vontade de facer esta actualización, saíron 11 temas que compoñen o disco. Logo no directo hai algún máis, deste encontro do Martín Codax ou algunha peza nova que fixemos.

Cada un dos temas garda unha relación co Camiño de Santiago. A que se debe isto?

Mentres ía facendo as músicas, escollendo as cantigas e entrando un pouco no universo dos trobadores atopei este vínculo. Eu imaxino o Camiño de Santiago como unha canle aberta cultural, ademais de ter outras funcións e virtudes como a económico ou o cultural. A partir del, a xente comezou a ter coñecemento de instrumentos que nunca vira ou de cantigas que se cantaban e se ían popularizando. Todos estes ríos que configuran o Camiño e que conflúen en Santiago e logo ían ata Fisterra, visualiceinos como unha maneira para que estas cantigas proliferaran e se deran a coñecer. 

Foi por iso que atopei unha relación entre os trobadores aos que se lles atribuíron as cantiga que ía musicando e funas asociando a cada un dos camiños de Santiago. Hai 10 camiños e logo está Santiago de Compostela como destino de todos eles, onde apareceu o trobador Bernal de Bonaval e incluímos unha canción del. 

Onde podemos atopar eses trazos máis modernos na proposta?

A actualización atópase nos instrumentos empregados, pero tamén na estrutura das propias cancións. Aparecen estrofas retrouso, que é unha estrutura máis moderna e actual. Hai grupos que fan música medieval que traen o espírito específico de como soaban aquelas cantigas. A nosa idea foi tomar un punto de vista máis particular e dentro do que son estas letras que nos deixaron, tomando a liberdade de facelo dende o meu punto de vista evocando un pouco conceptos con certas sonoridades que recordan a aquela época, pero traéndoo a unha estrutura de canción moderna. 

Este verán presentaron o disco en varias vilas galegas. Como foi a acollida?

Moi boa. Polo que nos comentou o público que nos foi a ver, está gustando moito. Chama tamén atención a proposta, precisamente polo feito de que soa a música un pouquiño máis de hoxe en día. Penso que as impresións foron boas, tanto polas crítica que nos fixeron tanto no disco como no espectáculo.

Que plans ten para o futuro?

Agora que presentamos o disco físico a idea é seguir coa xira todo o 2022. Cremos que é unha proposta que tamén pode ir máis aló das fronteiras galegas, pola importancia que ten a materia prima das cantigas. Vai ter un percorrido no tempo e os músicos da banda temos moita ilusión. Logo, máis adiante xa teño un disco en mente, do cal teño moitas das cancións, pero vai pasar un tempo ata que volva aos estudos de gravación. Tamén teño pensado un proxecto para o público infantil, pero polo momento estamos moi centrados nesta proposta das cantigas. 

Comentarios