A xira de despedida de Berrogüetto xa ten datas

Comezará o 1 de xuño en Ourense e levará a banda de folque a todas as cidades do país. Berrogüetto anunciou a súa disolución hai dous meses por mor da situación que atravesa a música do país. 

Berrogüetto
photo_camera [Imaxe: Berrogüetto]

A banda de folque Berrogüetto deu a coñecer as datas e lugares en que desenvolverán os concertos da súa xira de despedida. Ao igual que anunciou a súa disolución, foi através das redes sociais como deu a coñecer os concertos que darán por rematada unha longa traxectoria musical que levou este grupo ao máis alto da música tradicional galega. 

Ourense, A Coruña Compostela, Vigo e Lugo acollerán a partir do vindeiro 1 de xuño as derradeiras actuacións de Berrogüeto. Serán nos seus Teatros principais e Auditorios, de aforo reducido e a un prezo por persoa que até o momento a banda non deu a coñecer. Desta maneira, os músicos dan por fechada unha etapa, como grupo, mais anuncian que continuarán cos seus respectivos proxectos persoais, algúns mesmo con diversos integrantes do propio Berrogüetto. 

O grupo anunciou a súa despedida hai dous meses após 18 anos de carreira e 5 discos editados. A súa disolución, explicaban, respondía á situación que actualmente atinxe a música do país e que inviabiliza bandas do tamaño de Berrogüetto facéndose máis favorábel o desenvolvemento de grupos máis pequenos. 

Berrogüetto "naceu para tocar", insistían, e a realidade actual non o estaba a permitir. 

Datas e lugares dos concertos:

DOMINGO 1 DE XUÑO OURENSE. Teatro Principal
DOMINGO 8 DE XUÑO COMPOSTELA. Auditorio de Galicia
QUINTA FEIRA 12 DE XUÑO A CORUÑA. Teatro Rosalía
SEXTA FEIRA 20 DE XUÑO LUGO. Auditorio Gustavo Freire
DOMINGO 29 DE XUÑO VIGO. Teatro García Barbón

Comentarios