mércores 08/12/21

Berrogüetto despídese após 18 anos de carreira

O grupo anunciou a súa disolución a través dun comunicado pendurado nas redes sociais. Desta maneira, poñen punto e final a 18 anos de carreira. Berrogüetto despedirase cunha pequena xira.

berroguetto
Imaxe: Berrogüetto

Desde que se fundou hai xa 18 anos Berrogüetto foi un dos grupos que soubo re-inventarse. Mudou até en tres ocasións a súa formación mais soubo manter un son que o fixo especial. Após unha longa traxectoria, centos de concertos en escenarios nacionais e internacionais e 5 discos editados, un dos grupos de música folk máis emblemáticos do panorama musical galego di adeus "cun sorriso". 

O anuncio foi publicado a través dun comunicado pendurado nas redes sociais no que se amosan "satisfeitos" polo camiño percorrido e "os obxectivos cumpridos". Aliás, din estaren "orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical". 

Para a súa despedida dos escenarios, Berrogüetto prepara xa unha pequena xira que os levará ás principais vilas e cidades do país. Pois, aseguran, este é o mellor xeito de "corresponder" á "incondicional fidelidade" que lle amosou o público ao longo destas case dúas décadas de traxectoria. 

Naceu para tocar 

A despedida de Berrogüetto acontece apenas unhas semanas despois de seren recoñecidos como o mellor grupo folque na primeira edición dos Premios Galegos da Música, un novo recoñecemento a unha das bandas con máis presenza internacional da nosa historia. 

As razóns que levan a tomar esta decisión aos membros da banda son diversas, mais un dos seus compoñentes sinala que Berrogüetto "naceu para tocar", e a actual situación impide que unha estructura como a súa se poda manter. De feito, destaca que son só grupo de poucos membros os que poden sobrevivir nunha situación en exceso complexa para a música ao vivo. "Somos unha banda para tocar, vivimos de estar enriba dos escenarios e a situación actual non é favorábel a unha filosofía como a nosa. O desánimo leva agora a nosa disolución", comenta. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A maior parte dos membros do grupo compaxinaban xa Berrogüetto coa participación noutras bandas como A Cada Canto, Talabarte ou A Banda das Crechas. 

Vídeo: Iago Varela

Berrogüetto despídese após 18 anos de carreira
comentarios