María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, elixidos premios Xerais

As obras cos títulos A culpa, de María Solar, Cicuta para dous, de Rocío Leira, e Unha nova dimensión, de Anxo Iglesias, resultaron gañadoras do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil.

A xornalista María Solar (Imaxe: Cedida por Xerais)
photo_camera A xornalista María Solar (Imaxe: Cedida por Xerais)

María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias son os gañadores dos Premios Xerais, dotados de 10.000 euros cada un. Así, o xurado da XXXIX edición do Premio Xerais de Novela no que concorrían 40 obras e que estaba formado por Carolina Sertal (xornalista), Mónica Cores (profesora e bookstagramer), Sara Carballa (coordinadora do club de lectura Daquelas que len), Begoña Varela Bárcena (libreira), Pepe Pintado (científico do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, elixiu A culpa, da xornalista e coordinadora de Cultura da CRTVG María Solar, como vencedora.

A culpa é un xogo de espellos entre dúas amigas e socias indisolúbeis, unha relación que comeza cunha clara manifestación de apoderamento persoal e feminino para se ir convertendo nunha submisión tóxica agoniante cun final perturbador onde a culpa se converte nun personaxe omnipresente”, explica a editorial Xerais nun comunicado de prensa.

“Estamos ante unha novela de intriga que mantén até o último alento a necesidade de descubrir cada un dos elementos agochados nesa poza intermareal en que se mergullan as persoas lectoras para poder desentramar e comprender con lucidez a historia que se conta”, indica a editorial, que se fai eco das palabras do xurado, “en canto ao estilo, a autora consegue unha narración moi equilibrada e áxil. Ao longo de toda a novela dosifícanse e infíltranse perfectamente as pasaxes intimistas e reflexivas que esixen unha lectura máis pausada co ritmo trepidante e os diálogos fluídos para os momentos de acción e suspense”.

Premio Jules Verne

Por outra parte, o xurado da XIV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, declarou gañadora por unanimidade Cicuta para dous de Rocío Leira. Un xurado que estaba formado por Gabri Fuentes (xornalista), Araceli Collado Díaz (bookstagramer), Adrián Gómez Ramos (escritor), Manuel Moledo (biólogo e escritor), María Asunción Carballo Rodríguez (profesora e coordinadora de biblioteca) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais.

Nesta categoría, informa a editorial, concorrían 23 obras, das que formaba parte Cicuta para dous, da que o xurado valorou “a forza do argumento, a orixinalidade, o manexo da lingua e, sobre todo, o carisma dos personaxes” dunha novela que consideraron “redonda”. Asimesmo, recomendaron a publicación da obra presentada baixo o título “O xogo da Casandra”.

Rocío Leira é licenciada en Matemáticas pola USC e na actualidade dirixe un centro de formación para estudantes universitarios en Compostela. Entre os numerosos premios que ten no seu haber destacan o Díaz Jácome de Poesía para Novos Creadores, o Xaime Illa Couto de Relato e Poesía, o Avelina Valadares de poesía ou o Premio de Novela Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo. Foi ademais dúas veces finalista do Premio Jules Verne, que convoca Xerais.

Premio Merlín

Por último, o xurado da XXXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, formado por Iván Davila (actor e narrador oral), Chus Gómez Dorrego (xornalista), Tamara Lema (mestra e autora de material educativo), María Montes (ilustradora), Elisa Nieves Barreiro (bookstagramer) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, acordou por unanimidade declarar gañadora Unha nova dimensión, escrita por Anxo Iglesias, de entre os 24 orixinais presentados.

Xerais explica que a novela escollida é “un orixinal compendio poético baseado na liberdade creativa e nos xogos coa linguaxe”. “Nas súas páxinas desprégase un amplo abano de composicións (romances, abecegramas, xitanxáforas, ladaíñas, haikus, pictopoemas, cancións…), así como recursos de todo tipo: semánticos, fonéticos, rítmicos ou visuais, cunha meditada escolla de tamaños e cores de letra, e unha coidada disposición das palabras no espazo para gañar en expresividade”. “Ler Unha nova dimensión é asistir a un festival de creatividade; é un estímulo para a imaxinación”, engade a editorial.

Anxo Iglesias é profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar. É membro fundador da Asociación Espazo Lectura e foi coordinador do Club de Lectura Lendo contigo desde 2008 até 2015.

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de novembro deste mesmo ano, coincidindo co acto de entrega dos galardóns.

Comentarios