Entrevistamos Elena Ferro, zoqueira

“A xente non quería saber nin de zocos nin de pan de millo”

Da lameira ao asfalto. A Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975) débeselle a recuperación e dignificación dos zocos. Do seu obradoiro saíron milleiros de pares de zocos nos últimos cen anos. Mamou desde pequena o oficio, “os meus xoguetes eran as ferramentas que usaban meu pai e a miña tía”, e ese amor polo que fai levouna a investigar e apostar na reinvención dun calzado que sufriu o golpe do autoodio a finais dos anos setenta. Sempre, desde o respecto ao zoco tradicional, que é a base do seu traballo, e en galego. Eis un extracto da entrevista publicada no número 307 de Sermos Galiza.

DSC_1410
photo_camera [Imaxe: M.O.] Elena Ferro

5Os inicios de Eferro remóntanse un século atrás. Como comezou no oficio?

Comecei de pequeniña, os meus recordos sempre están no taller e nas feiras. Meu avó, que non coñecín –morreu en 1968 e eu nacín en 1975– era zoqueiro e xa traballaban con el miña tía Agripina, que faleceu hai tres anos, con 89, e meu pai, Alfonso, que ten 82. Os meus xoguetes eran as ferramentas do taller e acompañábaos ás feiras, aos mercados. E así foi como me criei, e tamén coa miña nai, na labranza, porque tiñamos unhas vacas e iamos apañar herba, axudabamos na casa… A min o taller sempre me atraeu moito. En realidade, todo o que se faga coas mans. Sempre estaba facendo cousiñas, e moitas veces estorbándoos, pero non estragaba as cousas. Xusto cando eu nacín foi cando se empezaban a deixar de usar os zocos. Até aí había moitísimos zoqueiros, e tamén zoqueiras, e empezaron a desaparecer porque como se deixaron de vender os zocos, a xente cambiou de oficio.

Pola contra a súa familia mantívose, imaxino que non sen esforzos.

Antes só faciamos as feiras na comarca do Deza: Bandeira, Vila de Cruces, Lalín, Agolada… e mesmo iamos a Monterroso, aos mercados mensuais. Como se empezou a deixar de vender, o que fixeron foi comezar a ir ás feiras un pouquiño máis lonxe, e ás mostras de artesanía, ás festas gastronómicas… Cada fin de semana, sabían de novas feiras e alí ían probar.

Antes era máis complicado, sen internet.

Coñecían unhas feiras a través doutras e ían probando. Unhas resultaban ben e outras mal. Con isto, aínda que os zocos se deixaban de vender, buscaban outro público diferente por toda Galiza e esa foi a maneira de poder seguir vivindo do oficio. Meu pai tamén empezou a facer produtos de coiro, como cintos, e cousas que lle ían pedindo, apeiros para traballar, fundas para a motoserra, para as puntas e o martelo... Aínda que nos moviamos moito, había que ampliar e eu empecei a facer pulseiras, moedeiros, carteiras… ía experimentando cada vez máis co coiro. Fun autodidacta, aprendía do que tiña na casa e de amigos que ía coñecendo nas feiras. E a mediados dos noventa foi cando empecei a facer cambios no zoco tradicional, porque se xa se vendía pouco, nesa altura, moito menos.

Como se lle ocorreu modernizalos?

Foi polo amor ao oficio, porque ver que algo está morrendo… Eu escoitei sempre moitísimos comentarios despectivos sobre os zocos, ías á feira e o 90% da xente non quería saber nin de zocos nin de pan de millo porque iso significaba pobreza. Ese autoodio que nos caracteriza os galegos, avergoñarse un pouco do que somos. E iso foi o que me fixo dicir “isto non pode morrer aquí”. Foi sen ningunha outra intención. Agora, que é unha sorte que os zocos gosten e se vendan, parece moi fácil, mais daquela non pensaba que fose ocorrer isto. 1995 foi o ano en que comecei a facer cousas diferentes cos zocos, sen éxito ningún, cero. O bo de irmos ás feiras os artesáns é que fas ti todo o proceso e ves como reacciona a xente e á xente seguía sen gustarlles, ao mellor vendías algún, mais apenas. Foron moitos anos así até 2010. Ás veces consiste en crer no que fas.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios