CONTRACULTURA

Xaquín Núñez: "O xénero noir pode levar a un maior investimento noutro tipo de iniciativas na ficción galega"

O doutor en Filoloxía Xaquín Núñez participa en 'Vigo Noir, cidade ilustrada'.
Xaquín Núñez investiga a xeografía da literatura galega. (Foto: Cedida)
photo_camera Xaquín Núñez investiga a xeografía da literatura galega. (Foto: Cedida)

Xaquín Nuñez, investigador, é un dos participantes da xornada Vigo Noir, cidade ilustrada, promovida desde a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

A xornada terá lugar o 18 de maio, cando se fai un ano do pasamento de Domingo Villar. É unha forma de homenaxe?

Ten esa perspectiva, aínda que abordaremos máis cuestións. A profesora Iolanda Galanes foi quen promoveu esta iniciativa en maior medida, e contou coa colaboración de Blanca Miranda, unha estudante de doutoramento, e de José Montero, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución. Galanes ocupouse moito de investigar a novela negra situada de Vigo desde o punto de vista da tradución, e eu fíxeno desde a cartografía e a categorización do xénero. 

Tamén estarán na xornada Pedro Feijóo, María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela, xa que escribiron novelas ambientadas na cidade. Como dicía, falaremos deste fenómeno literario, mais estará moi presente a obra de Domingo Villar. Nesta liña, recentemente, a Universidade de Salamanca mudou o nome dun premio de novela negra que outorga: de Pata Negra pasou a recibir o nome de Domingo Villar, en homenaxe a el. 

Alégrame moito que desde outros lugares se poña en valor a súa obra e a importancia que tivo o eco da literatura negra na literatura galega. Por este motivo tamén teremos unha sección na Semana do Libro de Compostela para falar da ficción negra, porque notamos unha eiva no diálogo entre a literatura galega con outras, como a do resto do Estado ou da lusofonía. 

Que ten Vigo para converterse nun escenario ideal para este tipo de historias?

É unha boa cuestión, xa que é un fenómeno recente: tradicionalmente non tiña este protagonismo na nosa literatura. E aínda que, por exemplo, xa estaba nas novelas de Forcadela ou de Porteiro, foi a partir de Domingo Villar que comezou a ter este éxito. 

É algo que traballei no meu libro, Cartografías da narrativa galega contemporánea. Vigo responde ao arquetipo presente no imaxinario noir: cidade portuaria, industrial, obreira, inclusive unha marxinalización froito destas circunstancias. 

Ademais das persoas presentes na xornada, temos o exemplo de Francisco Castro; Ledicia Costas, aínda que cunha presenza da cidade menos marcada; Beto Luaces ou Manuel Esteban. Ou Granito, de Alex Alonso, que foi recentemente Premio Torrente Ballester e que é un dos poucos true crime da novela galega: vai aos baixos fondos da cidade, todo empapado de xogo, prostitución, tráfico de drogas... 

E temos o caso das series de televisión, como Auga seca. Este é un exemplo moi interesante porque a historia xira arredor do tráfico de armas en Vigo, mais tamén en diálogo con Lisboa. É un fenómeno presente fóra de Vigo, por exemplo no caso de Arantza Portabales, Diego Ameixeiras ou O sabor das margaridas, unha das series máis vistas no mundo anglosaxón. 

Son temáticas propias do xénero noir, mais ás veces chega a rozar os estereotipos.

Estou pensando en O desorde que deixas e desde logo sería estraño que en Celanova houbese unha rede internacional do crime tan enraizada. Ás veces importamos modelos para que funcionen na ficción sen ter en conta a verosimilitude na nosa realidade. Con todo, eu non teño unha mirada negativa sobre isto. 

O que me parece negativo é que non haxa diversidade. Penso que toda esta parte máis mainstream leva unha serie de proxectos con éxito, que á súa vez consolida a profesionalización da industria e un maior pulo da actividade creativa, o que debería permitir un investimento noutro tipo de iniciativas que quizais non sexan tan rendíbeis, mais si que son necesarias para que a ficción e a cultura galega conten desde nós. 

Unha das finalidades da literatura é servir como vehículo de reflexión e de problematización, aínda que tamén está o lecer. Un sistema ten que ser diverso e, baixo o meu punto de vista, toda esta dispoñibilidade de produtos culturais non necesariamente reduce a lectura, senón que estimula un tipo de literatura diferente á que era hexemónica.

Comentarios