Xa podes escoitar 'Rapants club', o novo disco de The Rapants
“Jrasias por confiar”. Así arranca o cuarto LP de The Rapants, Rapants Club, un álbum no que os muradáns queren agradecer ao seu público a súa compañía nestes anos. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos desde a primeira escoita definen un traballo que, aderezado coa naturalidade e honestidade que caracteriza ao grupo, consolida o papel e a identidade dunha formación que xa é toda unha referencia no panorama actual.
The Rapants saca músculo e presenta neste Rapants Club -xa dispoñíbel nas plataformas dixitais- o álbum máis fiel ao carácter e gustos do cuarteto: son unha ducia de temas chamados a ser novos himnos para a súa xeración. Influencias do disco ao rock pasando polo indie, escóitanse en "Jrasias Por Confiar", "Tranquila", "Todo Era Veneno", "Máis Bicos Que Rosas", "Suave", "Por que son así", "Ancoradoiro", "Sin Medo", "22", "Vai Ser Ijual" ou as xa coñecidas "Viaxei" e "Non Sei Como". Todas forman parte dun conxunto de cancións nas que a lírica rapante destaca por afiada, certeira e próxima ao seu público.
Para este cuarto LP, The Rapants contou coa experiencia na produción dunha tríade de profesionais que axudaron a acadar o álbum máis rapante dos publicados até o momento. Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha), Raúl Pérez (La Mina) e Miguel León (Boavista) deron pé á modernización do son da banda, animándoa a xogar e explorar no seu proceso creativo: Rapants Club é un recompilatorio musical e visual que mostra o xeito de entender a vida dos seus membros, con músicas de todos os estilos e enerxías, pero sempre desde a emoción máis sincera.
Desta volta, ademais, The Rapants con tres colaboracións. Alén da xa coñecida incursión, por vez primeira no galego, de Joe Crepúsculo -no tema Non Sei Como, o primeiro sinxelo do disco, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra) suman as súas voces a Por que son asi.
Máis de 5.200 entradas vendidas para Sar
A grande inauguración do Rapants Club terá lugar o sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Será unha gran festa para a música galega, logo de que os rapantes ampliaran a capacidade de asistencia: xa van máis de 5.200 entradas despachadas para a ocasión, na que se poderán escoitar por vez primeira ao vivo todos os temas do novo disco e, por suposto, celebrar algún dos grandes éxitos da traxectoria da banda.Os últimos billetes para acceder á apertura do Rapants Club están dispoñibles en Ataquilla.