The Rapants: "Seguimos sendo catro rapaces de Muros que quedamos para ir facer surf ou tomar algo"
Que foron antes, catro amigos de Muros ou os ''rapantes''?
Foi un pouco ao mesmo tempo, porque todos tiñamos algún tipo de relación entre nós, de ter coñecidos ou de cadrar. Matías e Samuel xogaban xuntos ao hóckey, eu ía á escola de música con Xaquín, ao mesmo tempo que tamén ían xuntos Samuel e Matías. Pola miña parte, eu tocaba con Samuel noutros grupos antes, igual que con Matías. Entón, había relación, pero era máis de colegas que de amigos como agora, que xa somos practicamente unha familia. Fúmonos chamando os uns aos outros para formar The Rapants e facer que a día de hoxe sexamos o que somos.
Como dirían que comezou o fenómeno The Rapants?
Non sabería cando marcalo porque a verdade desde que empezamos a tocar e sacamos o primeiro EP, os nosos amigos estaban tolos con iso. Encantáballes e querían que fixésemos concertos. Nós aí comezamos a tomarnos isto un pouco en serio. Gañamos o premio do festival Noroeste e a verdade é que ía todo xenial e estabamos apostando todo pola banda. É certo que co tema da pandemia parouse un pouco, polo que tivemos que pensar moito cal sería o noso seguinte paso.
Penso que a partir de O corasón como un after, aí xa se foi todo de nai. Á xente encantoulle, subíronse moitas persoas ao carro, incluso algunhas ás que ao principio non lle gustabamos. Foise xerando esa orde de hooligans que temos agora e que nos seguen a todos os lados despois de a saber cantos concertos e que nos seguen a animar a tope.
Que é ser un rapante?
Diría que é algo canso, porque estamos todo o tempo na estrada dun lado a outro. Pero é un orgullo tocar e ver a toda esa xente pasalo tan ben. Sobre todo porque a nós o único que nos importa é facer música e que nos guste a nós. Entón, cando fas algo para ti e logo ves que lle gusta a tanta xente é moi random, non sei nin como dicilo sequera.
Cambiamos moitas cousas de O corasón como un after a La Máquina del Buen Rollo, sobre todo de son, e á xente deulle igual. No seguinte disco van cambiar máis cousas. Ver que podemos ter a música que nos gusta e encima que se reciba ben é o mellor que hai.
[Poderás ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 16 de agosto. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]