William Shakespeare nos Azores: Lois Patiño leva 'Ariel' ao cinema

Ariel, o filme que está a estrear Lois Patiño, presentouse esta sexta feira en Numax, en Santiago de Compostela, cun coloquio co director. Inspirada libremente na Tempestade de Shakespeare, a película propón unha experiencia sensorial, lúdica e metanarrativa rodada nas Azores. 
Lois Patiño, esta sexta feira en Numax.
Lois Patiño, esta sexta feira en Numax.

O cinema de Lois Patiño nunca foi un cine de certezas. Desde os seus primeiros traballos vinculados á videoinstalación e a unha observación radical da paisaxe, o director galego foi construíndo unha filmografía que se move nos límites entre o humano e a paisaxe e que conta xa con numerosas curtametraxes e outras tres longas: Costa da morte (2013), Lúa vermella (2020) e Samsara (2023). Con Ariel, estreada en salas comerciais esta semana e presentada esta sexta feira en Santiago de Compostela cun coloquio en Numax, Patiño dá un novo paso na súa traxectoria por un cinema de autor cunha vocación máis popular que nunca.
 

A representación teatral nunha illa do Atlántico

A película parte dunha colaboración inicial con Matías Piñeiro arredor de A tempestade de Shakespeare. É a obra onde atoparon “máis presenza da natureza, unha natureza animista”, explica Patiño a Nós Diario. “A contemplación, a relación coa paisaxe e o espiritual estaban moi presentes, e conectaban moito” co seu universo. Desa primeira aproximación xurdiu tamén Sycorax (2021), a curtametraxe co-dirixida por ambos centrada na bruxa da mesma peza teatral. Pero cando Piñeiro non puido continuar co proxecto da longa, Patiño decidiu facela súa, interiorizando tanto a obra de Shakespeare como as maneiras en que Piñeiro adoita abordala.

O resultado non é unha adaptación clásica, senón unha descontextualización lúdica e poética. Shakespeare é desprazado aos Azores contemporáneos, a supermercados, prazas ou gasolineiras, nun xesto que busca ver “que sucede ao levar este texto a culturas e linguas diferentes”. Hai humor, lixeireza e desenfado, pero tamén unha confianza profunda na potencia humanista e poética do autor inglés. “Ese peso profundo vai salpicando toda a película”, sinala o director.

No centro do filme está Ariel (interpretada por Irene Escolar), espírito do vento e do mar, figura inmaterial á que Patiño quixo representar desde a ausencia: “Necesitaba o vento para representar Ariel. Invisibilizar os personaxes, facer que sexan manifestacións do vento, da auga e do mar”. As illas de Faial e Pico convértese así nun espazo liminar, atemporal e máis próximo a un limbo que a un territorio concreto. Máis que entre a vixilia e o soño, o filme sitúase nesta ocasión —como apunta Patiño— “entre a realidade e a ficción”.

A escena inicial do barco que viaxa da Galiza aos Azores é clave nese tránsito. Lois Patiño buscaba unha maneira de representar a tempestade sen recorrer ao espectáculo clásico do naufraxio. Pero non quería “elidir ese momento, era capital na obra”, recoñece. A solución foi ese paso do costumismo ao descoñecido, un limiar colectivo que introduce a película nun territorio de estrañamento.

Irene Escolar e Agustina Muñoz en 'Ariel'.  (Foto: Filmika Galaica)
Irene Escolar e Agustina Muñoz en 'Ariel'. (Foto: Filmika Galaica)

Ese estrañamento constrúese tamén desde o visual. Como é habitual na filmografía do autor, a cor aparece tratada de maneira non realista, pero sen abandonar o real. O sensorial axuda a “xerar unha sensación íntima, meditativa e introspectiva no espectador”, explica Patiño. Todo contribúe a crear esa atmosfera suspendida na que o tempo parece deterse.

No plano interpretativo, Ariel propón unha mestura deliberada de estilos. Agustina Muñoz retoma un personaxe xa esbozado en Sycorax, a actriz que viaxa ás illas para representar Shakespeare xunto á compañía de teatro Voadora. O seu é o fío emocional da película, cunha personaxe próxima á súa maneira de sentir e reaccionar e cun rexistro naturalista e contido. Máis complexo é o traballo de Irene Escolar, que encarna a Ariel e atravesa unha crise de identidade ao cuestionar a súa propia condición de personaxe. “Ten que reunir o valor para rebelarse e erixirse coas súas propias ideas”, explica o director.

A convivencia entre actores profesionais e non profesionais é outro dos retos asumidos conscientemente. “É unha proposta que abraza as imperfeccións”, sinala Patiño, que destaca a entrega e a sensibilidade do elenco, así como a riqueza que xorde dese choque de rexistros.
 

Novos horizontes para o cinema

Con Ariel, Lois Patiño amplía os horizontes dun cinema en constante transformación. A película, que chega agora ás salas, supón a súa primeira inmersión decidida na ficción, aínda que sexa unha ficción consciente de si mesma, chea de capas, humor e preguntas sen resposta.

Ao mesmo tempo, o cineasta xa mira cara  adiante: logo de ver Samsara, a produtora María Zamora (O corno, Creatura ou Romería) contactou con el para levar a diante un proxecto de maior escala. Nestes momentos, Patiño está a desenvolver un filme en Filipinas, no que volverá afondar na maneira en que distintas culturas imaxinan a morte e o máis alá. Será unha película de maior orzamento, producida, xunto a Zamora, por Daniel Froiz (Matriuska), e pensada para dialogar cun público máis amplo sen renunciar á vontade de experimentación que define o seu cinema.

Irene Escolar e Agustina Muñoz en 'Ariel'.  (Foto: Filmika Galaica)
Irene Escolar e Agustina Muñoz en 'Ariel'. (Foto: Filmika Galaica)


Con inspiración no teatro do absurdo e no cinema luso

Un dos piares de Ariel é a influencia de Seis personaxes á procura de autor, de Pirandello, e de Niebla, de Unamuno. Os personaxes son conscientes de si mesmos, saben que están atrapados nun texto e esa decisión permítelle a Patiño traballar nun rexistro ambiguo, onírico e espectral, pero tamén abrir unha lectura metanarrativa sobre a creación artística e a relación entre autor e personaxe.

“Hai unha capa existencialista moi forte, ligada ao concepto da liberdade”, explica a Nós Diario. “Ariel está atrapado no texto, pero iso tamén nos leva a pensar na nosa propia existencia, en canto da nosa liberdade está guiada ou limitada”. Son elementos xa presentes no teatro do absurdo e que ligan o filme, tamén na súa posta en escena, coa cinematografía portuguesa de Manuel de Oliveira, Miguel Gomes ou Rita Azevedo Gomes.

En canto á estética, a elección de Ion de Sosa como director de fotografía foi clave cando Mauro Herce tivo que deixar o proxecto que acompañara en Sycorax. Ademais da súa sensibilidade lírica, Patiño destaca o seu sentido do posthumor, presente nos seus traballos con Chema García Ibarra ou en filmes como Balearic (aínda en cinemas).

Esa combinación permite que Ariel transite con naturalidade entre o lirismo e a comedia existencial.

Comentarios