Volve a Festa do Banquete de Conxo

A sexta edición deste festexo decorrerá do 23 ao 25 de maio.
Familias durante o Banquete de Conxo no ano 2024. (Foto: Concello de Compostela)
Familias durante o Banquete de Conxo no ano 2024. (Foto: Concello de Compostela)

A carballeira de Conxo, en Compostela, volverá estar de festa na fin de semana do 23 ao 25 de maio coa sexta edición do Banquete, cuxos preparativos comezaron xa coa aprobación na Xunta de Goberno das bases da convocatoria para participar no VI Mercado do libro, segundo informou esta segunda feira o Concello de Compostela.

Tamén nesta edición o Mercado do Libro acompañará desde a praza de Aurelio Aguirre a celebración da Festa do Banquete cun amplo número de expositores dos sectores do libro. Deste modo, librarías, editoriais e outros sectores vinculados ao mundo do libro e da ilustración, interesados en expor os seus produtos no mercado, poderán presentar a súa solicitude a través do trámite "Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias" na sede electrónica do Concello de Santiago ata o 5 de maio. 

O prazo de presentacións de solicitudes comezará o día da publicación da convocatoria na sede electrónica do Concello e o criterio de selección será a orde de entrada en rexistro, con prioridade para as persoas solicitantes con enderezo social na capital galega.

O programa festivo deste ano volverá contar con desfiles teatralizados, o pregón e a posterior romaría popular na carballeira, amenizada por distintas actuacións musicais. Trátase dunha festa da fraternidade, da liberdade e da igualdade; uns valores que simbolizan aquel acto histórico do Banquete de Conxo, que reuniu no século XIX estudantes e artesáns na antiga Carballeira de Conxo, un evento que anima a "facer comunidade" como evoca aquel acontecemento de 1856.

Comentarios