venres 24/09/21

Vilalba revive o seu vínculo con Manuel María ás portas da Casa da Cultura

O Instituto de Estudos Chairegos achega unha peza de José Gómez de Bernado ao Concello. A descuberta da escultura terá lugar este sábado pola mañá.
O escultor José Gómez de Bernardo mentres creaba a peza. (Foto: Cedida)
O escultor José Gómez de Bernardo mentres creaba a peza. (Foto: Cedida)

Por terras vilalbesas pouco importa que Manuel María nacera en Outeiro de Rei, pois aló a maioría da cidadanía e do tecido cultural ten claro que o autor teceu un forte vínculo coa capital da Terra Chá durante a súa vida. Por iso, o Instituto de Estudos Chairegos homenaxea a súa figura cada setembro e este ano a lembranza será especial. A institución vén de doar ao Concello de Vilalba unha escultura do escritor, obra do canteiro José Gómez de Bernardo, que será descuberta este sábado ás 12 horas diante da Casa da Cultura. 

Alí fica sentado desde estes días a peza que recrea o intelectual, na que hoxe se traballará nos "últimos retoques" pero sen amosar todos os segredos.

Malia que o proxecto naceu como unha idea autónoma da institución, dalgunha forma vén a reforzar a vella reivindicación de que a infraestrutura debe ser rebautizada como Casa da Cultura Manuel María. A este respecto, a presidenta do Instituto, Marisa Barreiro, avanza que non van cesar no seu empeño, que vai camiño dos vinte anos. 

Porén, o sábado é día de festa, de celebrar a relación tan estreita que Manuel María tivo con Vilalba e coas e cos veciños cunha idea que xurdiu nunha reunión da institución en 2017. 

"A súa figura é un referente para nós e para Vilalba pois, aínda que naceu en Outeiro de Rei, tivo moitas vivencias en Vilalba e estivo moi entregado á Terra Chá", destaca Barreiro, que tamén fai alusión ao feito de que o autor tomou posesión "do seu asento como académico en Vilalba". Ese foi un dos motivos que deu en encargar a peza ao escultor José Gómez de Bernardo. Tamén pesou o feito de que Manuel María cedera "a súa publicación en vida ao instituto para que a editara". 

Ese manuscrito tivo unha historia especial pois ficou anos esquecido entre as pertenzas de "Álvaro Cunqueiro" a quen María lle solicitara unha opinión. Á morte do primeiro, a familia atopou a escolma de "elexías" e trasladoullas ao seu dono, que á súa vez decidiría achegalo á organización cultural. 

Barreiro fala dun camiño paralelo da entidade e do escritor nos seus valores a prol "da lingua, do patrimonio e da cultura". Hoxe o creador de Terra Chá é un símbolo da zona e pasará a selo máis grazas á obra "de corpo enteiro e tamaño natural" moldeada polas mans de José Gómez de Bernardo, que apostou nunha figura de granito formada con esforzo, -especialmente na faciana-, que recibirá o público sentada... Convidando a gozar da cultura.

comentarios