Voadora estreará en 2021 unha adaptación "transgresora" do 'Othello' de Shakespeare

A compañía dirixida por Marta Pazos prepara esta primavera o seu terceiro espectáculo baseado na obra do dramaturgo inglés, tras Soño dunha noite de verán e A tempestade

voadora
photo_camera Fragmento de 'Garage', unha coprodución de Voadora (Foto: Estrella Merelo).

Voadora lánzase a polo seu terceiro Shakespeare. Tras levar a escena Soño dunha noite de verán e A tempestade, a compañía galega dirixida por Marta Pazos regresa aos textos clásicos coa preparación da súa particular revisión da traxedia Othello, que se estreará en 2021.

A obra, producida pola propia compañía, contará con Marta Pazos na dirección e dará especial relevancia aos personaxes femininos. Desta forma, o novo traballo de  Voadora ofrecerá unha perspectiva na que os personaxes de  Desdémona, Emilia e  Bianca tornarán en principais, mentres que os papeis de  Othello e Iago, un dos grandes viláns de Shakespeare, adoptarán un rol secundario.

“Será un espectáculo transgresor, dotado de intencionalidade e que, tal e como é habitual no noso traballo, contará cun compoñente musical moi importante”, sinala a directora e  escenógrafa, finalista dos International Opera Awards coa  ópera bufa Je suis narcissiste.

Voadora no sofá

Por outra banda, desde o pasado mes de marzo, e até que finalice o confinamento,  Voadora ofrece en aberto os seus espectáculos a través da súa canle de Youtube.

A compañía puxo ao dispor do público Voadora no sofá, unha lista de reprodución que inclúe as gravacións completas de obras como Soño dunha noite de verán (2017), Calypso (2015),  A tempestade (2014) ou Don Juan (2015), co obxectivo de achegar as artes escénicas e o traballo de creación e investigación de Voadora ao público.

Como novidade, desde o luns 20 tamén é posible ver en Youtube a obra Garage (2017), unha coprodución de Voadora co  MA Scène  Nationale de  Montebeliard (Francia) sobre o papel da muller é a industria automobilística, e protagonizado por traballadoras de PSA Peugeot-Citröen e outras empresas do sector do motor.

Comentarios