Máis

Viño e música do país

Concertos e gastronomía no Trece Roeis Fest.
treceroeis2
photo_camera O público desfrutando dos concertos de anteriores edicións do festival. (Foto: Trece Roeis Fest)

Onte e hoxe música, artesanía, tradición e viños danse cita na localidade de Pantón (comarca de Terra de Lemos) para crear un espazo cultural no que se reivindica a identidade galega.

Coa Ribeira Sacra por bandeira, o festival desenvólvese por diferentes espazos cunha programación baseada nunha rede de eventos paralelos. Un festival de música, unha cata de viños ou unha feira de artesanía que se completan con presentacións literarias, actividades infantís ou obradoiros. Unha oferta que chega a todos os públicos e idades e que ten o seu escenario principal no campo de fútbol do Baliño, aínda que parte da programación se reparta polo parque da Feira e as rúas da Ferreira. No seu afán de chegar á veciñanza e turistas, procurando con isto converterse nun punto de referencia cultural, o festival conta tamén con zona de acampada.

O custo das entradas oscila entre os 10 e os 25 euros e con isto pódese acceder a uns concertos configurados nun cartaz diverso que pon o foco na lingua galega e nas artistas e grupos do país.  Os sons festeiros de Lamatumbá, a mestura entre electrónica e folk de Catuxa Salom, a música de rúa de Festicultores Troupe ou a canción infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona animan a sección musical do festival, que se completa co grupo sevillano de hip hop SFDK ou coas letras retranqueiras e bailables de Monoulios Dop entre os máis de quince grupos que conforman o cartaz.

Na procura da promoción de bandas emerxentes, a asociación Trece Roeis impulsou tamén a Batalla 13R. Un concurso que lle deu aos seus gañadores a posibilidade de actuar en próximas edicións do festival.

Comentarios