O Instituto de Estudos Chairegos tamén pide dedicar 2021 a Carvalho Calero

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba reclama estender a 2021 o Día das letras Galegas dedicado a Carvalho Calero.
[Imaxe: RAG] Carvalho Calero, en 1957
photo_camera [Imaxe: RAG] Carvalho Calero, en 1957

A xunta directiva do Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba decidiu por unanimidade dirixirse á Real Academia Galega para “amosar a desconformidade máis absoluta coa decisión tomada de adiar o Día das Letras Galegas ao 31 de outubro”, e consideran que, ante un confinamento “que non sabemos o tempo que vai durar”, o “coherente sería dedicar o ano 2021 á figura de Ricardo Carvalho Calero”.

O Instituto de Estudos Chairegos, entidade cultural que ten como fin promover a investigación, o estudo, a conservación e a defensa da lingua e da cultura galegas, reivindica Carvalho Calero como “unha das figuras máis relevantes da cultura do noso país”.

De non estenderse a dedicación a 2021, o Instituto vilalbés considerará que a decisión da Real Academia Galega “non contribúe en absoluto ao enxalzamento dunha das persoas que dedicou de maneira intensísima toda a súa vida a traballar por Galiza e pola lingua e a cultura propias”. Lamentan que de non tomarse tal decisión, e ante a imposibilidade de asociacións, entidades culturais e centros de ensino de realizar actos sobre Calero debido ao confinamento, a súa figura quede “unha vez máis esvaecida, oculta por un veo, obxectivo sen dúbida de interese para determinados sectores”.

“É de xustiza”, sinalan, “que as mulleres e homes que forman a institución da Real Academia Galega tomen a decisión de garantir que a celebración das Letras Galegas de 2021 recaia na figura de don Ricardo Carvalho Calero para que deste xeito poida Galiza enteira facer o recoñecemento con rigor e con lealdade a quen contribuíu a fortalecer e engrandecer a cultura do país”.

Varias voces e colectivos, como a Federación Galiza Cultura e AGAL, A Mesa, a AELG, a ASPG ou a Fundación Manuel María, están a alzar a voz para pedir que o Ano Carvalho Calero se estenda máis aló de 2020 e que 2021 sexa tamén dedicado á memoria do intelectual e profesor ferrolán.

Comentarios