Vía Galega e Galiza Cultura homenaxearán Castelao

Castelao Xan Carballa restos
Cúmprense 41 anos do traslado dos seus restos ao Panteón das Galegas e Galegos Ilustres.

Dentro do programa de actividades que Vía Galega e Galiza Cultura está a realizar por toda a Galiza para divulgar e pór en valor a figura e obra de Castelao, terá lugar, esta sexta feira, 27 de xuño, ás 20 horas,  un acto de homenaxe, con ofrenda floral, no Panteón de Galegos Ilustres. Alí repousan os seus restos mortais, trasladados desde o Cemiterio da Chacarita en Buenos Aires o día 28 de xuño de 1984, hai agora 41 anos.

Segundo as asociacións convocantes, este segundo enterro tiña uns propósito claro: "lexitimar o marco autonómico e ocultar  o seu ideario nacionalista".

O acto iniciarase cun saúda do Coordenador de Vía Galega, Anxo Louzao, do presidente de Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril e da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín.

Tareixa Navaza e Carlos Callón presentarán o acto antes de que  a Coral Solfa interprete A Castelao, un poema de Manuel María cunha nova música da autoría de Xosé Carlos Seráns Olveira que se estrea neste acto, e o poema Olla meu irmau  honrado, de Celso Emilio Ferreiro, con música de Miro Casabella e arranxos de Paco Tobar Cereijo.

De novo serán Navaza e Callón os que dean lectura a textos de Castelao, e a profesora honoraria da UDC e escritora Pilar García Negro disertará sobre O valor de Castelao no século XXI.

A Coral Solfa volverá a tomar as rendas do acto para interpretar Lela, do propio Castelao, con música de Rosendo Mato Hermida, e Na morte de Castelao, de Ramón Cabanillas, con música de Francisco Tobar Cereijo.

 O acto pecharase cunha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego.