A V Gala da Cultura centrarase en "honrar a sorte" como identidade

A gala celebrarase a vindeiro 16 de abril no propio Teatro Colón, con entrada de balde.
Xoán Fórneas, Belém Tajes, Thais Suárez e Natividade González. (Foto: Deputación da Coruña)
Xoán Fórneas, Belém Tajes, Thais Suárez e Natividade González. (Foto: Deputación da Coruña)

A Deputación da Coruña presentou esta quinta feira, 9 de abril, no Teatro Colón a V Gala da Cultura (Gala DACCultura), o evento co que a institución "acompaña" e "protexe "o labor cultural impulsado na provincia. A gala celebrarase a vindeiro 16 de abril no propio Teatro Colón, con entrada de balde. A nova edición constrúese arredor da idea de "honrar a sorte como parte esencial da identidade e da cultura galegas", un fío argumental que guiará o desenvolvemento do evento.

Tras unha actuación en directo de Belém Tajes —gañadora do Premio Narf 2025—, a deputada de Cultura, Natividade González, explicou que a proposta parte da idea de que "din que a sorte non vén soa e que hai que buscala", e explicou que, nesta ocasión, "a sorte, en forma de San Andresiño, atopoute a ti e tróuxoche un convite para a V Gala de Cultura".

Pola súa banda, a directora artística da gala, Thais Suárez, destacou a presenza da sorte como elemento transversal da proposta, sinalando que "a sorte está moi presente na nosa cultura" e explicando que os San Andresiños funcionarán como símbolo tanto na intervención artística da fachada do teatro como na propia escenografía do evento.

A presentadora Susana Pedreira cualificou como "unha sorte" repetir conducindo esta gala —xa se encargou da anterior edición—, e abundou en que é "unha sorte" estar acompañada no escenario polo actor e músico Xoán Fórneas, que destacou que será a súa primeira experiencia neste rol, asumindo un papel distinto ao habitual, e definiu a gala como unha "celebración da cultura galega e en galego". 

A gala

A gala celebrarase a vindeira quinta feira, 16 de abril, ás 19:00 horas, no Teatro Colón da Coruña. No evento farase entrega formal da vintena de premios que a Deputación concedeu no último ano nas diferentes modalidades artísticas convocadas pola institución. 

Comentarios