Análise

U-lo rico patrimonio cultural galego de cantos de Nadal, Aninovo e Reis?

Escultura 'Nai', por Faílde. (Foto: Nós Diario)
Sedutoras, pero tamén enganosas, cores, luces, cánticos, revestindo as, cada vez máis globais, festas do Nadal. E arredor delas confluír de xente e a oportunidade do ocio e do negocio. Actividades entre as que sucumben saberes tradicionais, os que se van esquecendo e sepultando na desmemoria.

Orixinalidade tradicional a do Nadal que nin sequera se actualizou con novas músicas, cando ben puideran. Pola contra, entrando no círculo da autodestrución, da aculturación, da perda ou da esperpentización. E como na cultura do occidente atlántico estas tradicións están tan marcadas pola cristiandade, isto, hoxe, parece non axudar, pese á súa mensaxe inxenua de luz, paz, humildade, entre estrelas, anxos, magos, pastores e un Nacemento. Cousas así non deberan prescribir. Velaí pois como o bonachón e esfarrapado Apalpador, montesío do Courel, vai buscando sitio, músicas e mais tradición entre Papa Noel, Santa Claus, San Brais, Olentzero ou Mary Poppins... Aínda que nunca tanta e tan fantasiosa maxia como a dos Magos, ademais en terra deles. E todos compartindo no seu saco algo común: fartura de herdos máxicos celtas, orientais.

Ao respecto de profundar en aspectos da cultura galega, sempre recomendo ter á man os artigos de sensibilización de Filgueira Valverde, boa parte deles acollidos nos nove tomos da colección “Adral”, editados no Castro alá polos anos 80. Como tamén as Comunicacións divulgativas, os artigos feitos para a radio e para a prensa por Seoane. Textos que buscan sensibilizar, normalizar e recrear sobre unha ética e unha estética galega como achega nosa á universalidade.

Tradicións galegas

E nesas laméntase o polígrafo Filgueira de que mesmo a antropoloxía galega non caletreou aínda o que debera sobre canto de tradicións se acochan tras o Nadal galego: os xeitos de celebración na casa que é a célula da tribo, entre os que están pero tamén coa ansia de traer á memoria e á mesa comunal os que se foron pero que se esperan en espírito. Encontro dos presentes cos ausentes na despedida e na entrada dun novo tempo. Misa do Galo por medio, na parroquia de vivos e mortos, coa lembranza a ese tótem céltico, ave de crista roxa, o galo, que alí onde estea se empoleira para anunciar tanto a alborada como o vésperus: velaí a celebración do misterio da luz e da escuridade, da vida e da morte.

(Pintura 'Os Reis Magos' de Felipe Senén)

Hoxe as novas tecnoloxías préstanse para espallar a festa en calquera sitio e a calquera hora, impondo estéticas retrouseiras, uniformizadoras, arrasadoras da creatividade individual e colectiva dos pobos. Pois velaí entre luces, cores e tantos retrousos o de “Beben y beben y vuelven a beber” ou o de “Campana sobre campana y sobre campana...”, o “Chiquirritín”, os “Merry Chrismas” en tantas versións, habendo tanto entre o que pescudar e escoller no noso idioma e na cultura galega.
Tempo do Nadal que inspira a grandes músicos de todas as épocas, incluso no pop e no rock, a compor sons e letras para arrolar os cativos, nanas. E así compuxeron vilancicos os Beatles, Lenon, Elvis, Dylan, Sinatra, Killers, Pausini... E xa non digamos os músicos irlandeses, desde Enya ao mesmo U2, xa que estes temas e músicas de celebrar un nacemento, a vida -como celtas de rolda, practicantes que son- xa os levan no ADN, entre incenso e cervexa.

E como noutros confíns celtas tamén Galiza, como vello reino cristián, tivo e repartiu pola rosa dos ventos un amplo repertorio de Cancións de Nadal, Aninovo e Reis, diferenciando vilancetes de panxoliñas. Mesmo repartiu pola meseta ibérica adiante estes saberes, levadas por arrieiros, maragatos: no século XVII, di Filgueira que se cantaba que o neno Xesús e a Virxe María eran “galeguiños” e mesmo de Compostela. Quizais en alusión a un país afastado, no cabo das estrelas, tamén á pobreza do reino esquecido, onde magos e meigas, mulleres e homes labregos e pastores teñen sitio. Sen faltar predicadores, máis papistas que o Papa, que non entendendo a licenza metafórica para censurar tais orixes da Sagrada Familia.

Filgueira matizaba entre os tipos de cantos de Nadal. Dixo que as panxoliñas derivan do pange lingua, un canto de culto eucarístico, propio para liturxias “divinas” como as de Venres Santo ou as do Corpus. Composicións con algo de celestial, como feitas e interpretadas por anxos. Termo que logo se fai popular deica mesturarse coas cancións dos viláns, do vulgo, isto é os vilancetes. Letras e músicas onde o creador popular introduce o que cre, entre improvisados instrumentos sumados á gaita e ao pandeiro. Temas raianos, coas Cantigas de Escarnio e Maldizer medievais, cargados de certa rexouba e retranqueo, mesmo regueifeiro e cun fin de entretemento nunha cultura de rolda, de lareira e eira, a que nada ten que ver coa do sofá e plasma de hoxe.

Nunca é tarde para estas pescudas de recolleitas de letras, músicas e instrumentos, non hai que circunscribirse unicamente á Galiza, senón ao que foi aquel reino: Seabra, O Bierzo, A Maragatería, León.., O Minho e Tras Os Montes até Coimbra... así irase reconstruíndo o crebacabezas e entendendo outras cuestións antropolóxicas e históricas.

Cantos de Nadal en 'Nós'

Vicente Risco, alma mater de Nós, non deixou de man a tradición dos vilancicos, sendo creador de letras nas que non falta o seu ánimo como sofista simbolista. Letras musicadas por Halffter e Muñoz Molleda. Cantos de Nadal onde se fala de anxos con ás de vidro, a xogar coa luz das estrelas celestiais, sobre o caos terreal de lobos ou gatos da noite... Na mesma revista Nós insisten no teatro, na música e no ballet como un xeito eficaz para concienciar arredor da Galiza. Asocian ao seu saber tan elaborado as teorías populares e tradicionais das corais galegas, as que nutrían as Irmandades da Fala.

Non faltan os debates sobre a música, páxinas nas que entra a figura controvertida de Xesús Bal i Gai, anotando virtudes herdadas como vicios da aculturación. Musicólogo inspirador do desaparecido Ballet Galego Rei de Viana, tomando achegas dos ballets rusos. Bal non deixa de publicar en Nós a partitura dalgún vilancico galego, como Epifanía (1932) musicado para piano e con letra de Amado Carballo. 

Gostarías de seguir coa lectura? Podes atopar o resto da reportaxe no Nós Diario que está dispoñíbel hoxe nos quiosques, nas librarías ou na nosa tenda online. Aproveita os propósitos de Aninovo para facerte coa subscrición agora!