Tui inaugura a axenda cultural de verán co V Festival da Cultura Tradicional e Folk
A Asociación Cultural San Telmo celebra esta sexta feira 4 de xullo o V Festival da Cultura Tradicional e Folk. Protagonizado pola música, os traxes e a cultura da terra, esta cita será a que abra a programación de verán no concello de Tui.
O festival dará inicio coa inauguración da exposición O traxe da muller aldeá da man do grupo etnográfico Traxandaina. Consistirá nunha mostra das roupas que vestían as mulleres das aldeas, sobre todo en Lugo, con elementos orixinais que se conservan até a actualidade. Estará aberta até o domingo dia 6 no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela de Tui.
Ás 19.30 horas do mesmo día terá lugar, no mesmo espazo, o concerto inaugural a cargo de Luís Prego, Cristóbal Pascual, Roberto Porto e Álvaro Iglesias. O concerto constará dun proxecto de cantigas e coplas vinculadas ao proceso de elaboración de traxes tradicionais e a arte de tecer, titulado Fía na roca.
Ao longo do sábado, a actividade trasladarase á praza de San Fernando, onde ás 19.30 horas se celebrará o X Certame de Gaita e Tamboril. Logo, ás 22 horas terá lugar o concerto de María Vidal e Xisco Feijoo Cantares nos camiños, un espectáculo didáctico que xorde a partir da recuperación da música tradicional galega presente nos seis camiños principais a Compostela. O proxecto móstrase como o cumio dunha investigación realizada polos dous artistas ao longo de varios anos.
No domingo dia 6 de xullo, ás 19.30 horas, será o X Día da Muiñeira de Tui, que contará cun desfile desde a rúa Ourense até o paseo da Corredoira, onde terá lugar un concerto-exhibición.
No concerto estarán presentes 14 grupos nados na zona da ría de Vigo: Andarela, o Grupo Folclórico Ventos de Comesaña, Peña Xuntanza, a Asociación Cultural Folclórica Tarambainas e a Asociación As Nosas Rúas, de Vigo; Pais de San Roque e Lembranzas da Ría, de Cangas; Trompos Ós Pés, de Marín; Flores do Galiñeiro, de Vincios; a Agrupación Cultural Xunco, de Salceda de Caselas; Meiramar Axóuxeres, de Moaña, e Mosteiro Pexegueiro, Saragana Traxe e Alfándega Asociación Cultural San Telmo, de Tui, e esta última sendo a anfitrioa.
Con isto dá comezo a programación cultural do verán organizada polo Concello de Tui, que continuará durante os meses de xullo e agosto cunha oferta pensada para todos os públicos e en escenarios patrimoniais únicos.