O trío de jazz galego Sumrrá fecha en Santiago a súa xira do 25º aniversario coa presentación do novo disco, 'Revoluti8n'

O concerto terá lugar o 29 de novembro no Auditorio da Galiza e servirá como colofón a un ano de celebracións e xiras por todo o país.

O trio de jazz Sumrrá. (Foto: Laurence Varlet)
O trio de jazz Sumrrá. (Foto: Laurence Varlet)

O trío de jazz galego Sumrrá, un dos proxectos máis consolidados e recoñecidos da escena musical galega e estatal, fechará a súa xira de 25º aniversario cun concerto no Auditorio da Galiza o vindeiro 29 de novembro, no que presentará o seu novo disco, Revoluti8n.

A cita foi presentada esta cuarta feira nunha rolda de prensa no Concello de Santiago, coa participación da concelleira de Cultura, Míriam Louzao, xunto a Xacobe Martínez Antelo, contrabaixista do grupo, e María José Pámpano, representante da banda.

O concerto porá o punto final a unha xira conmemorativa que percorreu as principais vilas galegas e escenarios do ámbito estatal, ao tempo que marcará o inicio dunha nova etapa creativa para o trío formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería).

As entradas están dispoñíbeis desde esta cuarta feira, a partir de 12 euros máis gastos de xestión, no Punto de Información Cultural (rúa Preguntoiro con praza de Cervantes) e a través da web de Compostela Cultura.

Un nome esencial no jazz galego

Revoluti8n é o oitavo álbum de Sumrrá e confirma a súa posición como referente do jazz contemporáneo, tanto na Galiza como no panorama internacional. Ao longo de dúas décadas e media, o trío actuou en festivais de prestixio de todo o mundo, entre eles o Vancouver Jazz Festival, o Joy of Jazz Festival de Johannesburgo, o Jarasum Jazz Festival de Corea, o Festival Internacional Canarias Jazz & Más, o Festival de Jazz de Getxo ou o Festival MM de Sines, entre moitos outros.

Galardoado co Premio Jazz España 2022, Sumrrá é hoxe un nome esencial para comprender a evolución do jazz galego. O concerto de Compostela promete ser unha celebración da súa traxectoria e da liberdade musical que define o seu son desde hai 25 anos.

Comentarios