O trío hip hop Ezetaerre publica o seu segundo disco, 'Pólvora e tormenta'

É unha das bandas novas máis seguidas de Galiza. Hip hop de miras amplas, “ecléctico” tal e como eles propios se definen, “combativo”, Ezetearre publican o seu segundo disco, Pólvora e tormenta, un tratado sobre “a dignidade, a solidariedade e a humildade”.
 

Ezetaerre
photo_camera Ezetaerre. Foto: cedida.

Garchu, Pirola e Petrowski son os membros dun proxecto que comezou, explica o selo que pon na rúa o traballo, New Beats, “compartindo loitas e estudos na universidade. En só tres anos convertéronse nun dos grupos revelación do panorama galego”. E que logo dunha maqueta e do elepé Aspiracións mínimas e urxentes (2017) factura Pólvora e tormento (Letras para Woody Mellor).

pólvora e tormento

“Ezetaerre bota de novo a mirada atrás e enfoca os Estados Unidos dos 30 e os 40, un país asolado polo dust bowl, unha tormenta de po que deixou na miseria milleiros de familias e fixo que o pobo reaccionara”, indica o comunicado de presentación. As lecturas actualizadas son evidentes: “Aumentaba a pobreza, endurecíanse a raiba e a loita”.

O Woody Mellor do subtítulo é unha referencia á estirpe de cantores que, desde os anos da Depresión, encarnaron a resistencia. Pete Seeger e Woody Guthrie, antifascistas, iniciáronse á música e á política naqueles anos. Despois viría Joe Strummer, claro, á fronte de The Clash: “Rendeu homenaxe a Guthrie e tomou o seu nome como alcume que empregaría durante anos, Woody Mellor”.

Para Pólvora e tormento —que inclúe cancións como Matar a McCarthy, No passaran, As uvas da ira ou Ouvean os lobos— Ezetaerre amplía a gama de recursos musicais, estéticos. Non só vive do rap e engade matices ska, reggaeton e mesmo acústicos. Ademais, incorpóranse colaboracións de La Pegatina, Arnau Giménez de Zoo, Martin Plan-B, High Paw e Ginestá. “Ezetaerre pretende seguir a amosar a súa evolución con novas letras, novos ritmos e novas ideas”, afirma New Beats.

Ezetaerre presentará a súa nova obra o 16 de novembro no cinema Numax de Compostela. Após o seu concerto deste sábado 10 de novembro en Girona, a banda estará o 1 de decembro na Sala Karma de Pontecedra e o 7 de decembro na Sala Capitol de Compostela.

Comentarios