Aniversario do clásico de Lois Diéguez

'A Torre de Babel': cincuenta anos con nós

É a crónica do capitulo galego do 1968 madrileño. A Torre de Babel, novela de Lois Diéguez publicada pola editorial Galaxia na súa colección Illa Nova,apareceu fai cincuenta anos e está esquecida pola crítica e descoñecida por unha boa parte do público lector galego. Ao fin, o seu 50 aniversario é unha ocasión tan boa como calquera outra, para achegarnos a un clásico das nosas letras ao que sempre é necesario volver.

Membros do seminario de cultura Galega do Club de Amigos da Unesco. Madrid, 1968.
photo_camera Membros do seminario de cultura Galega do Club de Amigos da Unesco. Madrid, 1968.

Estamos diante do romance xeracional dunha mocidade galega que atopa e recoñece o seu país naquel Madrid español e franquista da década dos sesenta. Emparentada cunha intención tan cara polos autores da xeración do 16 e moi particularmente polo Ramón Otero Pedraio do Arredor de Si e de Devalar, Lois Diéguez debrúzase na epopea daquelas mozas e mozas empeñados en seguir as pegadas dos camiños que primeiro andou Adrián Solovio  e despois Martiño Dumbría. Ao fin,  A Torre de Babel é o relato daqueles que formaron no seminario de cultura galega do Club de Amigos da Unesco, unha das asociacións culturais máis numerosas e activas, que articularon, canda algúns estudantes vascos, un dos feitos máis orixinais do noso movemento estudantil, o Comité das Nacionalidades, que pasaron pola cadea por pegar polas nosas rúas a lenda Libertade pra Galicia, que participaron no primeira Día da Patria Galega após  o golpe de estado de 1936 e que volveron a Galiza e impulsaron o nacimento de organizacións políticas e sindicatos.

Significa o nacemento como narrador dunha das figuras referenciais do noso sistema literario. A Torre de Babel, un romance iniciático dun escritor de vinte e cinco anos que xa tiña dado ao prelo dous poemarios, adianta o autor audaz que denuncia os totalitarismos e que anticipa temas tan caros para o autor —e tamén para futuras xeracións— como o antimilitarismo, que logo abordaría en Galou Z-28 (Xistral, 1976); tenmas que tamén tocará nas súas obras de madurez, sempre tan ben traballadas e ás veces inxustamente valoradas. Eis está A canción do vagamundo (Sotelo Blanco, 1987), novela escrita após un longo silencio obrigado pola súa intensa militancia política, onde se retrata aquela sociedade derrotada após o trunfo da restauración borbónica. E sen esquecermos Monólogos no espello (Laiovento, 1992), Tres sombras góticas e unha rosa (Espiral Maior, 1995) ou Henriqueta na galería (Edicións do Cumio, 1997), onde repara na Galiza dos noventa, metade esperanza, metade derrota. E tamén os libros de viaxes por Lemos ou Siria, a morte do noso rural, o poemario Ónfalos (Espiral Maior, 2001), na lembranza daquelas días terríbeis no Xistral e sempre a vontade dun autor que non renuncia a tomar o pulso ao País.

5Lois Diéguez representa un dos grande sucesos literarios  asociados ao noso 1968. Unha crónica non mediatizada de Voces Ceibes, un dos feitos culturais máis transcendentes daquel ano, debe recoñecer necesariamente a achega dos poetas galegos, nomeadamente de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e Lois Diéguez, á conformación do movemento da nova canción galega. Se nos dous primeiros casos estamos diante de dous criadores consagrados, neste último atopámonos cun escritor que se dera a coñecer dous anos antes e que rematará por ser autor da letra de Loitemos, convertido nunha sorte de himno da mocidade que se rebelaba en Galiza. Loitemos, musicada por Benedicto García, convivirá con outros temas icónicos escritos por Lois Diéguez para o repertorio de Voces Ceibes, como Eu son a voz do pobo ou No Vietnam, onde o noso escritor animaba “a loitar, a loitar, a loitar No Vietnam”, auténtico e único elo común das diversas loitas que abanearon o mundo en 1968.

Hai moitas razóns para ler A Torre de Babel. A comezar para gozar dunha obra literaria ben armada máis de fácil lectura, a seguir para achegarnos á loita do pobo galego contra o franquismo pero tamén para acompañar Daniel, máis que o autor o eu colectivo da súa xeración, na súa particular viaxe de descuberta do país.

Comentarios