Sermos Galiza

Todo sobre o Seminario de Estudos Galegos, no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana
Este sábado, número monográfico do semanario xunto ao xornal 'Nós Diario' ao prezo habitual: 80 páxinas por só 3,20 euros!

Nós Diario trae un agasallo consigo este sábado, 7 de outubro, un número especial  do semanario Sermos Galiza con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

Un coidado e fundamentado traballo de recuperación do que foi o SEG como entidade pioneira a nivel cultural, científica e investigadora na Galiza e analiza o legado desta entidade nacida e desenvolvida desde o nacionalismo.

Colaboran nesta publicación dez especialistas en distintos ámbitos do coñecemento que, ao tempo, están a partillar estas reflexións nas xornadas organizadas pola Agrupación Cultural O Galo 'Seminario de Estudos Galegos, 1923-1936. O estudo como instrumento para o cambio político-social'.

Ao longo de 48 páxinas que inclúen fotografías históricas, Sermos Galiza achega a traxectoria dunhas xeracións de galegas e galegos que querían dotar Galiza de coñecemento e poñela na vangarda.

Unha decena de colaboracións de especialistas

Miguel Anxo Seixas, historiador e presidente da Fundación Castelao, abre o especial cos traballos de recuperación da cultura e lingua galegas anteriores ao SEG. O catedrático de Bioloxía Xosé Antón Fraga repara en como o SEG incorporou por vez primeira na historia do galeguismo as ciencias entre os seus temas de traballo.

O catedrático de Historia da Educación Antón Costa Rico analiza o impulso dunha escola galeguizadora e o profesor e doutor en Historia Uxío-Breogán Diéguez analiza o compromiso político do SEG e a súa importancia en favor da autonomía Estatuto de Galiza". Ademais, a ensaísta Aurora Marco trae ao presente as mulleres que participaron no SEG, como Carmiña Sierra, Luísa Cuesta ou Pura Lorenzana, á vez que o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, analiza o legado dos integrantes do SEG no campo da etnografía.

O doutor en Filoloxía Xosé Ramón Pena achega o traballo "Os novos contra os avellentados. A literatura de noso na xeira do SEG"; a crítica de arte Mercedes Rozas expón a relación entre o SEG e a arte e o investigador Ramón Ermida analiza a represión fascista sobre os membros do SEG e recorda como o seu legado foi ocultado e espoliado coa creación do Centro de Estudios Gallegos Martín Sarmiento (CSIC).

Finalmente, Mariña Arbor recorda Bertil Maler e a sensibilidade e interese desde o estranxeiro pola Galiza de 1936.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario*.