Tecendo espazos

Facer dos territorios experiencias compartidas

Invocando o pai da xeometría, Que tal, Mileto? apela a un encontro de creadoras promovido por Galiza Emocional, que terá lugar na escola Unitaria de Santiago de Compostela, o sábado 19 de outubro. Creatividade, tecnoloxía e participación como tres dimensións que interactúan, e servirá ás promotores de diversos proxectos para partillar experiencias.

[Foto: Galiza Emocional] Paseo Emocional Barrio de San Pedro
photo_camera [Foto: Galiza Emocional] Paseo Emocional Barrio de San Pedro

O colectivo Galiza Emocional organiza na Escola Unitaria (Santiago de Compostela) Que tal, Mileto?, un saúdo á creatividade. Un punto de encontro, marcado, como non podía ser doutro xeito, no mapa. Porque de cartografías vai a cousa. E de prácticas artísticas e comunitarias, promovendo a relación dunha serie de proxectos que apostan por repensar os espazos nos que habitamos, poñendo as persoas no centro.

Galiza Emocional xorde de maneira espontánea a partir de varios colectivos que coinciden en Compostela. O barrio de San Pedro amencía ateigado de carteis que convidaban a formar parte dun misterioso proxecto. Estábase xestando o Mapa Emocional do barrio.

De mapas emocionais

Os futuros integrantes de Galiza Emocional atoparon en San Pedro un documento de diagnose das necesidades do barrio, feito desde a perspectiva da educación social. Nel detectábase unha ausencia de actividades para a xente maior da zona e un incremento da distancia interxeracional da veciñanza. A partir destas necesidades detectadas foise encaixando o proxecto, co apoio de integrantes da asociación veciñal “A Xuntanza”.

Os integrantes de Galiza Emocional xa traballaran antes co concepto de Mapa Emocional, concretamente en Valadares. Esta tendencia pode encadrarse dentro do boom dos mapas, entre as vagas expansivas do xiro espacial das humanidades e o lanzamento aberto das ferramentas xeográficas de google. Apareceron entón moitos proxectos vinculados as cartografías, co referente a nivel galego, no que algunhas das persoas implicadas xa traballaran, de escoitar.org (2006-2016), unha proposta de creación dun arquivo dos sons da contorna que pretendía, como define a súa web, non tanto en “poñer o son ao servizo do mapa, se non en poñer o mapa ao servizo da escoita”.

Esta tendencia pode encadrarse dentro do boom dos mapas, entre as vagas expansivas do xiro espacial das humanidades e o lanzamento aberto das ferramentas xeográficas de google

Ocorréuselles entón exportar o seu traballo previo, pero adaptándoo ás circunstancias concretas. Comezou así unha compilación de material fotográfico, audiovisual e testemuñal entre a veciñanza, coa colaboración do Concello de Santiago, a escola Unitaria e o colectivo Gruby Punkt. Todo este acervo recollido, principalmente gravacións sonoras, foi situado en coordenadas até crear o mapa emocional. A partir de aí elaborouse un audiopaseo que tivo a súa estrea durante as festas do barrio e que permite un percorrido guiado a través de lembranzas, aspiracións e sensacións procurando facer dos territorios experiencias compartidas.

Espazos de diálogo

Esta mecánica de traballo colaborativo, horizontal e en rede, con moita importancia da accesibilidade e a inclusividade, foi totalmente dependente da participación colectiva e interxeracional da veciñanza. Representa, neste senso, un proxecto de proximidade sobre a identidade da zona, que continúa vivo mediante a posibilidade de facer achegas online. Nacho Muñoz, un dos seus promotores, percibe que a dimensión participativa, base do proxecto, tamén o leva a transitar por camiños insospeitados, co que aparecen problemas e necesidades que ás veces non saben reconducir. De aí xorde a exixencia de crear un espazo de reflexión e pensamento de como afrontar o futuro, promovendo o diálogo con asociacións, colectivos ou persoas que se moven por terreos semellantes.

Nacho Muñoz, un dos seus promotores, percibe que a dimensión participativa, base do proxecto, tamén o leva a transitar por camiños insospeitados, co que aparecen problemas e necesidades que ás veces non saben reconducir

Na procura de mellorar as súas prácticas e superar os atrancos, Galiza Emocional convoca na escola Unitaria un evento público, mais enfocado a tratar aspectos “máis técnicos”, compartir problemáticas e buscar inspiración. Nel darase a confluencia de diferentes proxectos que teñen o territorio como artellador, desde a perspectiva das cartografías emocional e a posta en valor do patrimonio inmaterial da memoria e os sentimentos.

Os proxectos

O propio Nacho Muñoz e Marcos PTT representarán a aposta do colectivo interdisciplinar Galiza Emocional, que se centra nos barrios e parroquias como espazos para explorar outras formas de entender os territorios a través das relacións humanas. Ademais deles, estarán Gruby Punkt, que traballan co concepto das paisaxes da memoria (memoryscape) e outras capas invisíbeis das cidades, e a cooperativa compostelá MAOS innovación social, agochada tras o proxecto A memoria das mulleres (DoGrisAoVioleta.gal) do Concello de Pontevedra.

20121266_832268663594759_8411107887101617158_o

Desde unha perspectiva máis técnica, Xoán Xil López e Horacio Gómez falarán da súa experiencia, especialmente no referente a CGEOMAP, unha rede de narrativa xeoespacial que traballa na creación de contidos locativos en diferentes eidos. Vanesa Castro, da produtora cultural Fur Alle Falle, presentará a súa experiencia para a asociación Rural-C, colectivo implicado na posta en valor da sociedade rural contemporánea. Igualmente, Fálame de San Sadurniño e o Festival Arteficial de Ribadavia partillarán o seu sentir e experiencia no traballo participativo na dinamización de comunidades.

Os anteriores son unha escolma de proxectos que, co arroupo das novas tecnoloxías, afondan a escavación na raizame da memoria e fomentan a participación cidadá. Unha tránsito que para as súas creadoras se volve necesario na deshumanización das cidades e o despoboamento do rural, coa desaparición dun patrimonio de valor incalculábel que pasa polas relacións humanas.

Paseo e concerto

Creatividade, tecnoloxía e participación son os tres alicerces sobre os que descansa esta particular xuntanza, na procura de novas maneiras de entender os territorios poñendo o foco nas persoas que os habitan e nas súas relacións. Atendendo a este obxectivo, poderá facerse tras o convivio o Paseo Emocional polo barrio de San Pedro e explorar as ondas hertzianas da orquestra experimental, formada por xente da zona.

Comentarios