Unha iniciativa busca rebautizar o Teatro Colón da Coruña co nome da actriz

Un teatro para María Casares

O Teatro Colón pertence á Deputación da Coruña pero xestiónase en convenio co Concello da cidade.
María Casares é, sen dúbida, unha das grandes actrices do século XX, unha muller cuxa biografía se elevou á categoría do mito. Agora, unha iniciativa pide cambiar a denominación do Teatro Colón para que ostente o seu nome, como homenaxe dunha cidade e dun país que sempre tivo presentes. 

"Eu nacín aquí", escribiu María Casares subliñando a súa orixe galega, o seu sentimento de pertenza a un país do que foi traxicamente separada. No libro de memorias que publicou, Residente privilexiada, a grande actriz relata como ese afecto pola terra foise desenvolvendo no exilio, como se fose Rilke proclamando que a verdadeira patria é a infancia. O ano do centenario do seu nacemento, Casares está volvendo á Galiza, a Coruña que a viu nacer, a través dos actos que conmemoran a data. Mais o regreso podería ser máis duradeiro se, como queren numerosos colectivos da cidade, o Teatro Colón pasase a recibir o nome da artista.

O pasado novembro, Miguel Anxo Fernán Vello publicou un artigo no que suxería que esa sería a mellor homenaxe que se lle podería facer a Casares no seu nacemento –"O nome da cidade da Coruña, con dous teatros a levaren nome de muller (Rosalía de Castro e María Casares), brillaría aínda máis, sen dúbida, entre nós e no mundo", escribía- e a plataforma de persoas traballadoras no sector cultural Unímonos ou Afundímonos recolleu a luva daquel reto para iniciar unha campaña que solicita o cambio de nome do teatro. 

A iniciativa xa recibiu o apoio de numerosas asociacións: a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Musicas ao Vivo, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Asociación Cultural O Facho, o Ateneo Republicano, a Fundación Uxío Novoneyra, ou a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entre outras moitas, manifestáronse a favor do cambio de nome para o teatro coruñés. 

Carlos Ares, da plataforma Unímonos ou Afundímonos, en conversa con Nós Diario, entende que "a cidade da Coruña débelle unha homenaxe como esta a María Casares. Ela sempre se mostrou orgullosa de ser galega, mais falou sobre todo da súa infancia na Coruña, cara a que sempre manifestou un vínculo moi especial. Sempre falou dela con moito cariño, e non hai máis que ler as súas memorias para comprobalo". 

Casares foi unha das grandes actrices do século XX e, segundo Ares, "calquera cidade do mundo estaría disposta a bautizar un teatro co seu nome". Non obstante, os méritos da actriz non se limitan ao campo artístico. "Sempre loitou polos dereitos dos traballadores do mundo do espectáculo, por dignificar o rol das mulleres e mesmo colaborou coa Resistencia francesa durante a ocupación nazi. Darlle o seu nome ao teatro constituiría un acto cívico de primeira orde". 

 

No ano do centenario 

Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), responsábel de organizar os grandes premios do teatro galego, que levan o nome da actriz, considera que "ligar o nome de María Casares a un dos grandes teatros da cidade que a viu nacer sería un gran recoñecemento e facelo neste ano do centenario -no que tantas actos se anuncian, veremos con que contido-  tería un simbolismo aínda maior". Barato considera, ademais, que o nome de Colón "non ten ningún vínculo especial coa Coruña; que se lle chamase así responde a esa moda que se deu nunha determinada época de bautizar os teatros co nome doutros de gran prestixio, neste caso o Teatro Colón de Bos Aires". 

A AAAG leva difundindo a obra e a figura de María Casares desde hai anos, facendo coincidir a gala de entrega dos seus premios con diversas actividades que inclúen a proxección das súas películas no CGAI, roteiros por lugares da cidade que tiveron algún significado especial na súa biografía, ou coloquios e conferencias diferentes aspectos da súa traxectoria. "Este ano, algunhas desas actividades serán organizadas pola Consellaría", explica Barato, "aínda que non sabemos en que consiste exactamente o programa. De feito, desde a Agadic [Axencia Galega das Industrias Culturais] anunciaron que os Premios María Casares ían ter unha edición especial, sen consultar connosco que somos os organizadores. Resulta polo menos curioso". 

 

O proceso de cambio 

O Teatro Colón pertence á Deputación provincial da Coruña pero xestiónase en convenio co Concello. Esta vindeira quinta feira, presentarase unha proposta para levar a cabo o cambio no Pleno do Concello e, de aprobarse, a petición terá que ser levada á Deputación. "Mantivemos conversas cos grupos e tempos plena confianza en que o cambio se producirá por unanimidade", declara Carlos Ares. "María Casares é unha figura moi querida por toda a cidadanía, máis alá de ideoloxías".