Teatro do Atlántico, do Morcego e Sarabela compiten por boa parte dos María Casares

As obras que acaparan maior número de nomeacións son ‘O principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico, que aspira a 8 galardóns; ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Sarabela Teatro, que opta a 7, e ‘Presidente’, de Teatro do Morcego, que está de finalista en 5 categorías. Ademais, estas tres montaxes compiten polo premio ao mellor espectáculo.

ensaio_cegueira
photo_camera 'Ensaio sobre a cegueira', de Sarabela Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os nomes dos/as nomeados/as aos XX Premios María Casares, a gran festa do teatro cuxa gala se celebrará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os espectáculos finalistas nas catorce categorías coas que contan os Premios déronse a coñecer na Festa dos Nomeados, deste 2016, ano no que os galardóns organizados pola AAAG chegan á súa vixésima edición. O Salón Teatro de Santiago acolleu esta tarde o acto, presentado pola actriz Nieves Rodríguez.  

O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2015 na produción con maior número de finalistas, ao obter un total de 8 nomeacións. Pola súa banda, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, aspira a 7 galardóns e Presidente, de Teatro do Morcego, acada 5 nomeacións. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo. 

Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, acadaron ambas as dúas 4 nomeacións, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 galardóns.  Pola súa parte, Calypso, de Voadora; O Furancho, de Ibuprofeno Teatro, e Unha poucas picadelas, de Teatro de Ningures, acadaron 2 nomeacións cada unha delas.  Finalmente, cunha nomeación atópanse 30 e tantos ósos (Aporía Escénica), Feo! (Caramuxo Teatro), O Crédito (Eme2 Producións) e Jim e Illa do Tesouro (Eme2 Producións).

Durante a súa intervención, a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, destacou a calidade das obras desta edición, ademais de sinalar que este ano celébranse vinte anos de gala e o vinte cabodano da actriz María Casares. Empregando palabras da actriz que dá nome os premios, Rivera sinalou que “o teatro é a patria que escollemos todos e todas os que formamos esta profesión, unha patria que compartimos co público e coa sociedade”. Finalmente, Rivera subliñou que esta Festa dos Nomeados/as celébrase por vez primeira no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. Aproveitando a ocasión e que a institución conta cunha nova dirección, Rivera ofreceu a AAAG para traballar  por un CDG ao que lle convén unha serie de “reformas”.

Na web da AAAG poden consultar toda a listaxe de nomeacións. 

Comentarios