Tanxugueiras lanza "Figa", un novo single que suma á revolución trad

As Tanxugueiras publican novo single, “Figa”. E fano cun videoclip co que o grupo afonda no compromiso coa “posta en valor e recoñecemento da cultura popular galega”.

Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova proposta musical de Tanxugueiras, na que mesturan os ritmos e bases urbanas e líricas propias con coplas e cantos tradicionais. Así, as cantareiras apostan na transmisión e reformulación da música tradicional a través da súa confluencia coas sonoridades electrónicas e influencias do tempo no que habitan.

A peza está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais cun título que fai referencia ao amuleto contra o mal de ollo. No videoclip tamén destacan elementos simbólicos da cultura popular.

“Figa é a resposta bailábel e rotunda” dun grupo, salientan nun comunicado de prensa, que aposta, desde a súa creación, “polo empoderamento e capacidade das mulleres de ser donas do seu camiño”.

A través de coplas tradicionais e líricas de creación propia, Figa pretende “incidir na forza das mulleres á hora de afrontar a súa vida, alén das envexas, medos e críticas derivadas dun sistema marcadamante machista”. 

Anque de min digan, digan, eu non digo de ninguén, cantan Aida, Olaia e Sabela nun tema no que apostan nunha idea de comunidade que vén de lonxe e no que contrapoñen a irmandade fonte á denteira, a solidariedade fronte ao individualismo.

“Hoxe, cando por momentos parece que arden as lapas da intolerancia, temos motivos para a esperanza. Hai mulleres que coidan e que se coidan, e lazos de solidariedade que son máis fortes que os discursos do odio. Fronte ao ruxerruxe, empoderamento”, sinala Tanxugueiras.

Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade de Tanxugueiras. Nesta ocasión Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro contan de novo coa colaboración, na produción, de Iago Pico (Pouland Studios). Precisamente o produtor participa no videoclip como antagonista, tentando enfrontar á masa coas cantareiras.

O videoclip de Figadixirido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e con Jordi Lauren na produción executiva, rodouse o pasado mes de maio en na Comunidade de Montes de Salcedo, na nave de Global Setup (Caldas de Reis) e no Pazo de Señoráns (Meis), baixo estritas medidas de seguridade. A rodaxe do filme, no que as cantareiras empregaron vestiario e xoiaría tradicional de Bulideira, contou coa participación de 90 extras nos planos de lume e de 30 bailadoras como corpo de baile. 

Comentarios