Tanxugueiras enarboran unha estelada no País Valencià e acenden as redes

Momento en que as Tanxugueiras ondean a estelada e a estreleira en Valencia.
Durante a súa actuación no festival Femlloc, en Benlloc (Plana Alta, Castelló), axitaron unha estelada e unha estreleira durante o momento máis álxido do concerto, cara ao final da súa canción máis famosa, Terra.

As Tanxugueiras continúan a acaparar a actualidade alí onde van. Tras conseguir o 71% do voto público no Benidorm Fest e ser eliminadas finalmente por unha polémica decisión do xurado, volveron a ser obxecto de debate ao protagonizar unha mostra de apoio ao independentismo catalán no País Valencià, onde, durante a súa actuación no festival Femlloc, en Benlloc (Plana Alta, Castelló), axitaron unha estelada e unha estreleira durante o momento máis álxido do concerto, cara ao final da súa canción máis famosa, Terra.

O vídeo deste momento ateigou este sábado as redes sociais, e recibiu comentarios positivos do independentismo, pero tamén críticas do nacionalismo español. 

O trío que conforman as irmás Sabela e Olaia Maneiro e mais a tamén pandeireteira Aida Tarrío vén de desvelar o que será o nome do terceiro disco das Tanxugueiras'Diluvio', un traballo composto por dez cancións que verá a luz o vindeiro 29 de xullo. 

O disco, editado por Calaverita Records, "referenda a liña musical" que caracteriza as tres artistas galegas, "na que apostan na reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica", precisan as Tanxugueiras.

O pasado mes de xuño, a percusionista pandeireteira, vocalista e compositora do grupo, Olaia Maneiro eliminou as súas redes sociais ante as mensaxes dos 'haters' nun dos momentos chave da súa carreira profesional xunto ao resto das integrantes do trío.