Tanxugueiras aproveita a plataforma de RTVE para reivindicar o galego

Tanxugueiras nun dos seus concertos pola Galiza. (Foto: Tanxugueiras)
A banda galega participou esta quinta feira nunha rolda de prensa de RTVE para dar a coñecer as caras que competirán no recuperado Festival de Benidorm para gañar o pase a Eurovisión 2022. Após cantar en directo un pequeno fragmento da súa proposta, as galegas chamaron a atención da competencia e tamén do público a través das redes sociais. Aliás, aproveitaron para facer unha reivindicación polas linguas minorizadas.

O altofalante que está a supor para Tanxugueiras ao Festival de Benidorm e, en consecuencia, a Eurovisión 2022, non ten comparación e Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olalla Maneiro están sabendo aproveitar a oportunidade de darse a coñecer máis aló da Galiza.

Malia que si tiñan presenza en certos círculos noutros territorios, agora son grandes protagonistas da actualidade grazas a Terra unha canción de raíces con anotacións reivindicativas que está dando moitos vídeos de reaccións en plataformas como Youtube. Tamén moitas escoitas nas principais redes de descargas de música.

Pero quedaba escoitalas en directo e na presentación decorrida esta quinta feira en RTVE non defraudaron. Sen unha das compoñentes, sen base musical e sen posta en escea... A pesar de todo iso as voces das galegas lograban sorprender tanto ao resto de candidatas e candidatos como ao público en xeral, que así o foi trasladando ao longo das últimas horas nas redes sociais.

Mais Tanxugueiras non se está a limitar ao estrictamente musical nas súas aparicións na televisión pública do Estado español, pois están dando voz a diversas reivindicacións.

Interrogadas sobre a orixe do tema que levan -que algunhas eurofanáticas consideran "menos comercial que Figa" pero ao tempo "máis épico"-, Aida Tarrío explicou que xurdiu "do desexo de normalizar dunha vez por todas as linguas cooficiais e que a cultura galega, así como todas as demais de España, teñan o seu espazo nos palcos como é Eurovisión".

Pola súa banda, Sabela Maneiro quixo deixar claro que "é un soño que sexa a primeira vez que se consigue que unha lingua cooficial estea neste tipo de actos e certames". En todo caso, garantiu que de chegar a Eurovisión van ser representantes non só da Galiza, senón de todos os territorios do Estado.

Unha das loitas que están levando con humor as candidatas galegas a representar ao Estado español no festival que decorrerá en Turín en maio do próximo ano é a pronunciación do seu nome. Así o vivían coa presentadora do acto.

O momento de coñecer o que acontece con esta proposta do país será os días 26, 27 e 29 de xaneiro, nunhas galas presentadas por Alaska, Máxim Huerta e Inés Hernand.