SonRías reúne Baiuca, Grande Amore, The Rapants, Sabela e 30 artistas máis

O festival comeza en Bueu a súa edición máis ambiciosa.
The Rapants baixan o pano deste ano do festival do Rosal.
The Rapants. (Foto: Rapants)

O Festival SonRías Baixas celebra en Bueu (O Morrazo) a súa 22ª edición entre esta quinta feira e o 3 de agosto, ampliando a duración a catro días e reunindo máis de 30 artistas nos tres escenarios principais: Fest Galicia, El Águila e SonRías. O evento, organizado por PlayPlan, conta co apoio do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, a Xunta de Galiza e patrocinadores como El Águila, Johnnie Walker e Los40.

O cartel combina grandes nomes da escena estatal e galega, como Dani Fernández, La Raíz, Carolina Durante, Sen Senra, Judeline, Delaporte, Baiuca, Marlena, Grande Amore ou The Rapants, mesturando estilos como o pop, rock, electrónica, folk ou música urbana. A programación inclúe tamén artistas emerxentes e consolidados con grupos liderados por mulleres, como shego, Cariño, Pipiolas, Nena Daconte ou Sabela.

O festival aumenta en días pero tamén en espazo e suma novidades como unha terceira zona de acampada – indispensable para mellorar a mobilidade na zona e asegurar a comodidade das persoas asistentes–, puntos de hidratación, zonas de descanso, reforzo sanitario, postos de comida ampliados e programación paralela en espazos urbanos. Habilitaranse autobuses lanzadeira desde concellos próximos e intensificarase o dispositivo de seguridade e limpeza.

Na presentación oficial de onte, destacouse o impacto económico da edición anterior (2,3 millóns de euros) e o récord de máis de 26.800 asistentes. As institucións salientaron o valor estratéxico do evento como motor cultural, turístico e económico, con especial atención á igualdade, sustentabilidade e dinamización do territorio. O SonRías Baixas reafírmase como unha das citas imprescindibles do verán galego.

Comentarios